Escoitar

Abel Caballero asegura que o paseo do Lagares é "un símbolo medioambiental" que require "actuacións inmediatas"

O alcalde informou que o Concello iniciará a "recuperación" do paseo do Lagares polo tramo final, entre a Avenida de Castrelos e a desembocadura. O obxectivo é deixar o paseo "en boas condicións", xa que detetáronse deficiencias, realizando melloras por valor de 120.000 euros. Abel Caballero indicou que esta actuación, aprobada este luns pola Xunta de Goberno Local, é unha primeira fase que terá continuidade.

luns, 19 out 2009
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou hoxe luns que o paseo do Lagares é "un símbolo medioambiental" que precisa de "actuacións inmediatas", polo que o Concello de Vigo ten iniciado o proxecto de recuperación do mesmo, entre a Avenida de Castrelos e Samil, por valor de 120.000 euros.

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns o proxecto elaborado pola Concellería de Medioambiente que dirixe a socialista Chus Lago, que ofrece unha resposta ás deficiencias detetadas no paseo e propón distintas melloras no mesmo.

Algunhas das actuacións contempladas no proxecto son o desbroce e limpeza de residuos tanto do paseo como do cauce do río, a reparación de pasarelas e barandas e a instalación de novas, a instalación de novas canalizacións para as augas pluviais que eviten a súa concentración no paseo, o podado e plantación de árbores, a colocación de bancos e mesas na traseira do polígono do Caramuxo e a retirada de dúas pontes de madeira pechados ao tránsito polo seu deterioro.

O obxectivo desta actuación medioambiental é gañar seguridade no paseo, que conta cunha gran afluencia de cidadáns, polo que quedará "en boas condicións", segundo afirmou Abel Caballero. O socialista salientou asemade que esta mellora é unha primeira fase que terá continuidade nos próximos meses, e adiantou que está en conversas coa ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa, para abordar de xeito integral o estado do río.