Escoitar

Benestar Social concede axudas para comedor e libros por 114.000 euros máis que no 2008 para paliar a crise

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, destacou este venres que as axudas para comedor e libros para o curso que comeza nos vindeiros días se incrementaron en 114.000 euros respecto ao exercicio pasado, ao pasar de 400.000 a 514.000 euros. Na presentación conxunta do programa coa concelleira de Benestar Social, María Méndez, o tenente de alcalde subliñou que estas axudas "que saen dos cartos da cidadanía van encamiñadas á loita pola igualdade de oportunidades" e a paliar a crise económica.

venres, 4 set 2009
1252067133roldacomedoreselibros.jpg
Santi Domínguez subliñou que incrementar os cartos destinados ás axudas de libros e comedor é a "filosofía e a forma de traballar" neste momento de crise. Segundo o tenente de alcalde, estas axudas non responden, "como nos últimos anos, á presentación de cousiñas como parte das bondades do goberno". Pola contra, segundo explicou, forman parte da "planificación global que se fai dende Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social. Ao respecto sinalou que o goberno municipal ten que ser o "suficientemente humilde como para presentar as axudas dende a obriga coa cidade, esgotando a idea de que os gobernos axudamos ás familias". Ademais, o nacionalista rexeitou a utilización como "arma política" que fai o PP do benestar social.

O tenente de alcalde, na súa intervención, indicou que cando as familias se ven na necesidade de solicitar as axudas "é que algo falla na sociedade", polo que ao seu xuízo, "o menos que poden facer as administracións é traballar e poñer remedio, o cal parece que non entende a Xunta do Partido Popular". Neste sentido Santi Domínguez fixo referenza á supresión da gratuidade dos libros, a rebaixa das axudas para as familias máis desfavorecidas e o feito de que non acometa a ampliación dos comedores escolares.

"A quen vai dirixido o plan de choque contra a crise do que fala Núñez Feijoo? Non as familias máis desfavorecidas", indicou o nacionalista. Segundo o tenente de alcalde, "é impresentable que por unha banda se fale de plan de choque e por outra se desatendan as necesidades básicas" como está a acontecer na nosa cidade. Ao respecto salientou que o plan de choque contra a crise se demostra nas partidas orzamentarias e tendo claras as prioridades, "que para nós son os máis desfavorecidos". En consecuencia, anunciou que se seguirán incrementando as partidas de Benestar Social "e para iso sacaremos de onde faga falta".

Respecto ás axudas para comedor, María Méndez explicou que se recibiron 2.185 solicitudes, das que se concederon 1.368, caseque 200 máis que o ano pasado. Por deficiencias nas solicitudes denegáronse 335. A concelleira nacionalista tamén indicou que cada neno ou nena benficiario desta axuda recibe 41 euros mensuais. En canto ás axudas para libros, sinalou que se recibiron 862 solicitudes, das que foron denegadas 178 "por non cumprir algún dos requisitos esixidos". Neste caso, as persoas beneficiarias foron 66 máis que o curso pasado e reciben 75 euros.

A concelleira de Benestar Social destacou como obxectivo do seu departamento seguir incrementando as becas para comedor, pero sinalou que para elo é preciso ampliar os comedores escolares, porque moitas veces os país e nais piden reciben as axudas pero se atopan co problema de que os seus fillos non teñen onde comer. "Nós trataremos en calquera caso de que a fin de ano ningún escolar quede sen beca", salientou.

A edil do BNG María Méndez explicou que do orzamento de máis de 6 millóns de euros da Concellería de Benestar Social, máis do 40% se destinan a programas de maiores e infancia, como son o servizo de axuda a domicilio, as axudas á familias e as axudas de emerxencia. Ademais do incremento da cuantía nas axudas de comedor e libros, a concelleira salientou que tamén se fixeron melloras relacionadas coa eficiencia do sistema, como a forma de pago a principio de curso. Ao respecto indicou que todas as melloras se fixeron tras manter diversas xuntanzas con Foanpas, titores, directores de centros escolares e orientadores.
Descargar todas as imaxes