Escoitar

"Dende a miña fiestra", exposición de Celso Varela

A Casa das Artes acolle unha exposición pictórica de Celso Varela co título "Dende a miña fiestra" que se poderá visitar do 3 de setembro ó 12 de outubro.A mostra está organizada pola concellería da Área de Cultura e Animación Sociocultural. <br /> <br />

xoves, 3 set 2009
1251977521celsovarela.jpg
Celso Varela
De orixe humilde, os seus primeiros recordos como artista remóntansen á época infantil na que copiaba a lapis, xunto ao seu pai, carpinteiro, fotos familiares. A infancia foi fundamental nos motivos da súa pintura.

De formación autodidacta, pasou distintas etapas en Madrid, París ou Londres realizando estudos de pintura e aínda hoxe, desde os seus talleres abertos en Pontevedra e Briallos, realiza frecuentes visitas ó Prado, Tate Gallery, Louvre e Pompidou…

En 1985 logra a mención de honra no Certame de Arte Xove Galega de Vigo e unha mención especial do xurado na Bienal Nacional de Arte de Pontevedra. Ese mesmo ano participa tamén na I Bienal de Pintura da Fundación Aragüaney de Santiago de Compostela e en 1994, no XI Premio de Pintura Durán de Madrid.

Celso Varela non quixo deixarse levar por modas, estilos, vangardas ou grupos. Do seu admirado Antonio Saura elixe unha definición da pintura que fixo súa: "A pintura é unha secreción natural do individuo". Afirma, unha e outra vez neste sentido, que o impulso artístico é algo visceral, nado do subconsciente por escuras motivacións que o arrastran á necesidade de expresarse. A orixinalidade é un dos seus motores. O artista debe ser un mesmo e debe pintar sen prexuízos.

Realiza as últimas exposicións no Pazo da Cultura de Pontevedra no 2006, na que mostra os trinta anos da súa traxectoria como pintor, e no 2008 no Centro Cultural da Deputación de Ourense.

Horario de visita

Luns a venres: 18 00 – 21 30 h.
Sábados: 11 00 – 14 00 h.
18 00 – 21 30 h.
Domingos e festivos: 11 00 – 14 00 h.
Descargar todas as imaxes