Escoitar

O tenente de alcalde asegura que a Xunta quere abrir unha liorta localista porque non ten planificación aeroportuaria

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, manifestou hoxe a súa preocupación pola falta de planificación que ten o actual goberno da Xunta a respecto do sistema aeroportuario galego e, diante da reunión prevista para mañá, demandou aos novos responsables autonómicos que o punto de partida debe ser manter a operatividade actual.

mércores, 2 set 2009
1251896114roldaaeroportos.jpg
O nacionalista cre que a Xunta está tratando de fomentar liortas localistas e asegurou que "non imos consentir que o conseguido ata o de agora co anterior goberno se vaia ao garete". Adiantou que Vigo aspira non só a consolidar as actuais liñas senon tamén a abrir novos destinos.

Santi Domínguez fixo estas declaracións nunha rolda de prensa conxunta en Santiago cos concelleiros de Turismo de A Coruña, Henrique Tello, e Santiago, Xosé Manuel Iglesias. Os tres amosaron hoxe o seu malestar pola actuación que a Secretaría Xeral de Turismo está a manter sobre a implantación de liñas aéreas nos aeroportos galegos e a negociación coas compañías que quixo asumir directamente. Consideran que está tratando de abrir unha confrontación entre as tres cidades de carácter localista e fomentar unha subasta de destinos, situacións que non están dispostos a consentir.

O tenente de alcalde sinalou que desde que chegou ao goberno o Partido Popular "estannos acostumando a tirar pola borda todo o feito polo anterior goberno, pero sen poñer enriba da mesa a súa planificación". Asegurou que o que está a acontecer co tema aeroportuario é un exemplo máis. Segundo explicou, a respecto de Vigo o único que existe é "unha notificación de que iamos ter 300.000 euros. Ese é todo o plantexamento estratéxico da Xunta para o aeroporto de Peinador. Non hai alternativa nin planificación". Lembrou que co anterior goberno foi posible abrir a liña a Londres e existían compromisos para novas implantar novas rutas.

Os tres concelleiros criticaron que ata o momento a Xunta só envíe "recados" a través da prensa das súas decisións, pero non hai comunicación oficial. Segundo explicou Xosé Manuel Iglesias, á reunión prevista para mañá non saben moi ben con quen vai ser. Ao parecer será unha xuntanza na que van a estar presentes varios departamentos autonómicos e representantes das compañías aéreas. Os responsables turísticos das tres cidades entenden que o primeiro paso debería ser concretar entre as institucións públicas unha estratexia conxunta co obxectivo de rendibilizar e racionalizar o esforzo do investimento público e posteriormente negociar coas compañías.

Santi Domínguez explicou que o único que realmente se sabe ata o momento é que vai haber unha redución drástica dos fondos que ata o de agora viñan percibindo os concellos da Xunta e que non se asumen os compromisos que cada cidade tiña cos anteriores responsables autonómicos. O tres concelleiros esixirán que a negociación parta do mantemento da situación actual de cada aeroporto e se respeten os compromisos adquiridos. "Non estamos dispostos a avalar calquera decisión da Xunta que implique unha subasta pública de destinos e compañías que perxudicaría ao conxunto de Galiza", segundo sinalou Xosé Manuel Iglesias.

O tenente de alcalde de Vigo salientou que as tres cidades teñen claraque a competencia non está entre elas, senon co aeroporto de Oporto. "Todos temos claro a importancia de cada un dos nosos aeroportos, potenciando aos tres se potencia ao turismo do conxunto do país", asegurou.

Pola súa banda, Henrique Tello manifestou que as conexións aéreas son un valor estratéxico e as negociacións deben levanse desde a discreción, o rigor e a sereidade, "non como se fora unha feira". Demandou auténtica vontade política por parte dos novos responsables da Xunta para potenciar o sistema aeroportuario galego e que non trata de trasladarlle aos concellos a responsabilidade da súa ineficacia. A este respecto lembrou que foron eles os que quixeron asumir directamente a negociación coas compañías.

Santi Domínguez agarda que na xuntanza de mañá non se trate unicamente de que cada cidade diga o que fixo e que quere, porque sería "unha paiasada". Sinalou que confían en que a Xunta presente cal e o seu plan aeroportuario galego, explique o que fixo nestes meses e que ofrece a cada cidade.
Descargar todas as imaxes