Escoitar

Tenencia, Benestar Social e Secretariado Xitano colaboran nun plan de integración de 54 familias xitanas

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, a concelleira de Benestar Social, María Méndez, e o responsable territorial do Secretariado Xitano, Santiago Avión, asinaron hoxe un convenio de colaboración que ten por obxectivos a intervención familiar para a integración da poboación de etnia xitana e cigana e a erradicación do chabolismo. O programa chegará a 54 familias. Segundo explicou o tenente de alcalde, a sinatura deste convenio supón "o impulso ao obxectivo do goberno e do BNG de traballar coas distintas sensibilidades sociais para acadar a igualdade de oportunidades na nosa sociedade".

martes, 1 set 2009
1251808118conveniosexretariadoxitano.jpg
Santi Domínguez salientou a importancia de seguir poñendo os medios para avanzar en Vigo na igualdade de oportunidades, que ao seu xuízo debe abranguer tres aspectos. En primeiro lugar mencionou a necesidade de acadar a "igualdade real" dos colectivos que por mor de distintas situacións se atopan en desigualdade, como poden ser os xitanos e os ciganos. "Dende as administracións temos que ofrecerlles a oportunidade de vivir na nosa sociedade viguesa", sinalou ao respecto. O segundo aspecto consiste, segundo indicou, en poñer a disposición destes colectivos "unha vida con máis calidade. Para o nacionalista, os esforzos das administracións teñen que ir na liña de "incrementar a calidade de vida sobre todo dos colectivos máis desfavorecidos". Finalmente, subliñou que é preciso desenvolver itinerarios individualizados para acadar estes obxectivos xa dende as idades máis temperás.

O tenente de alcalde felicitou á Concellería de Benestar Social e ao Secretariado Xitano "polo traballo que desenvolven co colectivo xitano dende hai moitos anos". Asemade, adiantou que á hora de eleborar os orzamentos do vindeiro exercicio "seguirase a traballar nesta liña, incrementando os investimentos sociais". Neste sentido, María Méndez agradeceu "a aposta que sempre se fixo dende Tenencia de Alcaldía polos temas sociais e o anunciou do incrementos dos investimentos neste eido"

A concelleira de Benestar Social salientou na súa intervención que o convenio asinado hoxe "non é novo senón que da continuidade a un traballo iniciado hai tempo". Ao respecto, manifestou que as administracións "temos que felicitarnos porque a conflitividade coas familias xitanas non se deu en Vigo como noutras cidades como Pontevedra e A Coruña". Segundo María Méndez, a dispersión xeográfica é un dos factores que inflúe en que a integración social se dera "sen procesos traumáticos", pese a que por outra banda implica un "maior esforzo" para desenvolver as tarefas de integración.

María Méndez explicou que co convenio asinado, de 105.000 euros, se traballará nos eidos de vivenda, emprego, educación, saúde e inclusión social. Neste sentido destacou a importancia do programa de erradicación do chabolismo, ao que catro familias se incorporaron no 2008 e nos programas de saúde e a elaboración de dietas equilibradas para as persoas participantes, xa que, segundo apuntou a concelleira, "teñen un alto índice de de problemas cardiovasculares".

A concelleira do BNG sinalou que os datos de 2008 indican que en Vigo están censadas 918 persoas de etnia xitana e cigana e 245 familias. Porén, ao respecto apuntou que os datos son aproximados posto que é unha poboación "que se move sobre todo dende o norte de Portugal". Respecto a súa situación socioeconómica indicou que a maioría destas persoas se atopa en situación de precariedade, que se viu agravada pola crise, "tal e como amosan os datos das ubas". "Mediante este convenio traballaremos con 54 familias no programa de intervención familiar para que teñan cubertas as necesidades básicas e desenvolveremos accións de intervención socioeconómica para acadar a integración social", explicou a concelleira nacionalista.

O responsable territorial do Secretariado Xitano, pola súa banda, fixo especial fincapé no feito de que as persoas que máis sofren as consecuencias da crise son "as que se atopan na parte de abaixo do sistema, a xente que ten menos que perder". Neste sentido salientou que é fundamental "a solidariedade cos máis débiles" e a sinatura de convenios como o asinado hoxe.
Descargar todas as imaxes