Escoitar

A Casa da Xuventude inicia mañá unha nova rolda de exposicións de mozos e mozas artistas

A Casa da Xuvenrude acolle dende mañá, 1 de setembro e ata fin de ano, unha nova rolda de exposicións na que os mozos e mozas artistas son os protagonistas. Nesta ocasión, as obras de David Bastos e Patricia G. Varela abren esta rolda, que se pode visitar nas instalacións da rúa López Mora de e luns a venres en horario de 9 a 14 horas e de 17 a 20 horas.

luns, 31 ago 2009
Coa utilización de diferentes técnicas, como acrílicos, acuarelas e as máis modernas ferramentas informáticas, as obras de David Bastos e Patricia G. Varela pretenden plasmar nesta colección de pinturas e ilustracións, a viveza dunha execución jazzística, as cores dunha rúa africana, ou a forza dun grupo de rock cun estilo vibrante e vigoroso.

A mostra de fotografía "Imaxinando sensacións", de Patricia Fernández, é a seguinte mostra que se poderá visitar, do 14 ao 25 de setembro. A programación da Casa da Xuventude continuará coa exposición "Olladas pola educación", a cargo de Educación sen Fronteiras, que se poderá visitar do 28 de setembro ao 9 de outubro. A seguinte mostra, do 13 ao 23 de outubro, levará por título "Monotonía" e correrá a cargo de Arturo Renato Toledo. Do 26 de outubro ao 6 de novembro está prevista a mostra de fotografía "22 mil quilómetros por Australia", de Alfonso Durán.

A seguinte exposición, tamén fotográfica, será do 9 ao 20 de novembro, e nela exporá as súas creacións Fernando Conde Lamas. Do 23 de novembro ao 4 de decembro a sala de exposicións da Casa da Xuventude acollerá a mostra "Bichos", de Rafael González Martínez. E finalmente, a mostra de fotografía "Paisaxes urbanas", que se exporá do 9 ao 21 de decembro, pechará a rolda programada.