Escoitar

Sechu López atacará en xullo dous oitomiles en Paquistán co apoio da Fundación Vide

Sechu López, montañeiro vigués de 43 anos, atacará este verán dous do catorce "oitomiles" existentes. Para iso voará dende Vigo o vindeiro 19 de xuño a Islamabad (Paquistán), onde continuará ata o macizo dos Gasherbrum, na cordilleira do Karakorum, na cara sur ao lado paquistaní, fronteirizo con China.<br />

mércores, 20 mai 2009
1242825111sechu.jpg
López, bolseiro pola Fundación VIDE, cuxo presidente é o concelleiro de Deportes Xabier Alonso, asegurou que este reto é "moi complexo, porque son montañas extraordinariamente altas e voume a atopar con condicións moi cambiantes e duras, presenza de gretas, avalanchas". Ademais, Sechu escalará sen osíxeno artificial, o que engade valor á que debe ser a primeira expedición viguesa que conclúa con éxito este obxectivo, do que non hai precedentes locais aínda que si galegos.

En rolda de prensa na Fundación VIDE, Xabier Alonso, concelleiro de Deportes, amosou a súa satisfacción pola iniciativa do alpinista vigués e puxo en valor o traballo de VIDE e as súas bolsas, que tamén axudan a Sechu López. "A maior parte do orzamento de Deportes está destinada ao clubs, e VIDE é un instrumento de axuda que a sociedade ten que valorar. As bolsas son aínda pequenas, pero o noso esforzo está aí", dixo o concelleiro nacionalista. Alonso aproveitou para desexar sorte e dar ánimos ao experimentado escalador, ao que recordou que "detrás de ti vas ter a toda a cidade". Tamén defendeu o apoio do sector privado ás iniciativas deportivas a través de VIDE.

O montañeiro vigués vaise a Asia cun orzamento axustado de case 14.000 euros e o apoio, entre outros, da empresa Covsa. Ten previsto atacar o GI (8.068 m.) a partir do 2 de xullo. Marcouse trinta días de aclimatación no campo base (a 5.150 metros) e para intentar asaltar os dous "oitomiles", porque xa o 2 de agosto iniciará o seu regreso, que rematará coa súa aterraxe en Vigo o 12 de agosto. López di que o G2 (8.035 m.) "será máis sinxelo", e que o subirá en estilo alpino, pero tamén apunta a que "todo dependerá se vou sen forzas".

Á rolda de prensa tamén acudiron Laura Magdalena, xerente de VIDE, que xustificou a bolsa do vigués na súa fantástica traxectoria de 2008, cando atacou diferentes cimas, Fernando Fernández, presidente do seu club, Montañeiros Celtas, que dixo que para "nós é un prestixio este proxecto de Sechu", e Xosé Lois Freixeiro, presidente da Federación Galega de Montañismo, que se amosou "convencido" de que "Sechu vai facer cumio".


Descargar todas as imaxes