Escoitar

Máis de 60 centros educativos participarán o 5 de xuño na celebración do 15 aniversario de Ponte nas Ondas

A Facultade de Económicas da Universidade de Vigo e o Museo Verbum-Casa das Palabras acollerán o vindeiro 5 de xuño o dobre programa organizado para celebrar o 15 aniversario do proxecto Ponte nas Ondas, no que participarán máis de 60 centros educativos galegos, portugueses e doutros países como Arxentina, Brasil, Colombia e Cuba.

martes, 19 mai 2009
1242738867pontenasondas.jpg
Na presentación desta 15 edición, na que participou o concelleiro de Cultura, Xesus López, os responsables de Ponte nas Ondas, Santi Veloso, Xerardo Feijóo e Lourdes Cabiza, entre outros, anunciaron que participarán máis de 60 centros educativos galegos, portugueses e doutros países como Arxentina, Brasil, Colombia e Cuba.

"Quero transmitir os meus parabéns a todos os profesores e alumnos que levan traballando en todo este tempo no proxecto Ponte nas Ondas, especialmente pola defensa que desenvolven polo noso patrimonio e a nosa lingua", subliñou o concelleiro de Cultura. Asemade, lembrou que Ponte nas Ondas naceu hai 15 anos "con motivo da inauguración da primeira ponte entre as localidades de Salvaterra de Miño e Monçao", co obxectivo de traballar conxuntamente dende as dúas beiras do Miño.

O presidente da asociación Ponte nas Ondas, Santi Veloso, explicou que a programación de mañá do vindeiro 5 de maio se desenvolverá no auditorio da Facultade de Económicas da Universidade de Vigo. De 10 a 14 horas realizarase un programa especial con mostras do patrimonio inmaterial galego-portugués dirixido a todo o alumnado participante e que será retransmitido en directo por Internet a través de uvigo-tv. Este programa conta coa colaboración da artista brasileira Margareth Meneses, que está a preparar unha composición orixinal para estrear no programa; e do grupo Navegante, de música tradicional portuguesa, que tamén estreará un tema para a ocasión.

Xa pola tarde a programación continuará no Verbum, onde se retransmitirá a programación realizada polos centros educativos participantes. E dende ás 21 horas, as instalacións deste museo acollerán a octava edición da Mostra da Oralidade e a revista oral dos tesouros humanos vivos, que segundo Santi Veloso "é un formato moi áxil" e será coordinado por Antonio Reigosa. Esta iniciativa ten o obxectivo de dar a coñecer os tesouros vivos do patrimonio inmaterial palego-portugueses, que segundo os define a Unesco son as persoas ou grupos de persoas que posúen unha habilidade relacionada con calquera disciplina do coñecemento ou a cultura.
Descargar todas as imaxes