Escoitar

O tenente de alcalde anima a presenciar en Samil o tramo urbano que este ano recupera o Rallye Rías Baixas

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, animou este martes aos vigueses e viguesas a que coa súa presenza arroupen o tramo urbano do Rallye Rías Baixas, que terá lugar en Samil o 29 de maio á partir das 20.30 horas. Nesta edición da proba se recupera despois de 40 anos a presenza do rallye nas rúas da cidade.

martes, 19 mai 2009
1242738634rallyriasbaixas.jpg
Na presentación da proba, na que tamén participou o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, e o presidente da Escudería Rías Baixas, Fernando Mouriño, entre outros, Santi Domínguez subliñou que se trata dunha "gran tradición do deporte vigués", xa que este ano cumpre a súa edición número 45.

"Dende o primeiro momento nos ilusionamos coa organización deste tramo urbano, porque aínda que o evento engloba toda a área metropolitana de Vigo, tamén precisabamos ver un espectáculo na cidade ", explicou o tenente de alcalde. Asemade, felicitou á Escudería Rías Baixas pola organización. "Podemos estar tranquilos porque o público está garantido, os patrocinadores están ben atendidos e é unha organización que se desvela para que non falle nada", salientou.

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso lembrou cando o tramo urbano da proba se desenvolvía na Praza de España, e salientou asemade a "ilusión de facer efectivo o soño" de recuperalo. Respecto á longa traxectoria do rallye destacou que 45 anos "significan moito traballo e traballo moi ben feito", polo que ao seu xuízo "ten todos os compoñentes para ser un gran espectáculo deportivo".
O Rallye Rías Baixas Vodafone Premio Turismo de Vigo celebrarase os días 28, 29 e 30 de maio por diferentes estradas da provincia de Pontevedra, xa que o itinerario inclúe os concellos de As Neves, Covelo, Fornelos, Ponteareas, Mondariz, cun percorrido total de 611,50 Kilómetros. Segundo explicou o presidente da Escudería Rías Baixas, organizadora da proba, a proba conta con 30 pilotos xa inscritos, aínda que se espera que entre hoxe e mañá se incremente a súa confimación. En total os equipos inscritos son entre 60 e 70, o cal, segundo Fernando Mouriño "é unha gran sorte, pola gran afección que hai na provincia".
Descargar todas as imaxes