Escoitar

Conferencia de Xerardo Pereiro no ciclo "O fin do rural galego?"

O xoves 21, as 19:30 h, dentro do ciclo de conferencias O fin do rural galego? organizado polo CAT Centro de Artesanía Tradicional de Vigo no Auditorio do Edificio Municipal do Areal (Rúa Areal, 46), contarase coa presencia de Xerardo Pereiro que falará das "Miradas cruzadas entre o rural e o urbano galegos"

mércores, 20 mai 2009
En comunidades como a Galiza estamos asistindo a novas relacións entre o urbano e o rural que están a transformar ambos espazos e universos sociais e culturais. O proceso de urbanización,intensificado na Galiza desde os anos 1960, contribuiu para unha transformación radical. Hoxe en día ese proceso continua e ten triunfado ata o ponto que hoxe nos debatemos nunha encrucillada entre o fin do rural tal como foi imaxinado ou a súa revitalización, re-invención e re-creación.

E se as identidades galegas se teñen tradicionalmente sustentado nunha ruralidade agraria, hoxe en día, coa forte transformación desta ruralidade só nos resta unha certa nostalxia e un conxunto de memorias sociais e patrimonios culturais daquilo que xa foi e que se está transformando a unha velocidade vertixinosa. Como nos afectan estas mudanzas e con que mecanismos culturais de adaptación contamos? Que pensan os antropólogos socioculturais de todo isto? Cal é a visión antropolóxica destes procesos? E a folclórica? Será que a tradición galega necesita dunha forte dose de innovación?

XERARDO PEREIRO PÉREZ é Doutor en antropoloxia sociocultural pola Universidade de Santiago de Compostela. Investigador visitante no Departamento de Antropoloxia da Universidade de Edinburgo (Escócia), no da Universidade Complutense de Madrid e no Departamento de Sociologia da Universidade de Milão.
Entre outros obtivo o primeiro premio de antropologia e ciencias socias "Vicente Risco" 1994, primeiro premio Irmandinhos de Ciências Sociais 1996, primeiro premio FITUR 2007, xunto con Cebaldo Inawinapi, de investigación en turismo, e Premio da National Geographic Society 2007.