Escoitar

O goberno local ratifica que os sindicatos garantan as condicións das obras do "Plan Zapatero"

O alcalde informou hoxe luns que a Xunta de Goberno Local validou hoxe o texto polo que os sindicatos vixiarán que se garantan as condicións de traballo e de seguridade das obras do Plan E en Vigo. Abel Caballero estimou que "mañá ou pasado" se rubricará o acordo coas centrais sindicais.

luns, 6 abr 2009
12390225441236780399faustino2.JPG
O alcalde, nunha visita anterior ás obras de humanización de Faustino Álvarez
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este luns que a Xunta de Goberno Local aprobou o convenio a asinar cos sindicatos polo que estes encargaranse de garantir as condicións de traballo e de seguridade nas obras do "Plan Zapatero" en Vigo.

O rexedor adiantou que "mañá ou pasado" se rebricará o texto coas tres principais centrais sindicais (UGT, CC.OO. e CIG) para que un técnico superior en prevención de riscos laborias vixíe o cumprimento das condicións nos traballos do Plan E en Vigo.

Segundo explicou Abel Caballero, cada sindicato percibirá 26.462,88 euros para contratar aos técnicos superiores encargados da supervisión, e os sindicatos "non reciben nada en termos netos" senón que ademais estes poñen "toda a súa estrutura" para a vixilancia das condicións de traballo dos empregados.

O primeiro edil asegurou asemade que constituirase unha comisión de seguemento das obras co obxectivo de "esmerar a vixilancia" para que se cumpran as condicións de traballo conveniadas e as impostas polo propio Goberno de España nas bases do Plan. A comisión estará composta por un representante político do goberno local, membros dos tres sindicatos e técnicos de Traballo.

O "Plan Zapatero" procura o estímulo da economía e do emprego a través dos municipios, e en Vigo deixa 52,2 millóns de euros, que o goberno local destina principalmente á humanización de distintas rúas na cidade. Os traballos empregarán a unhas 1.500 persoas de xeito directo e a preto de 5.000 en total.
Descargar todas as imaxes