Escoitar

O Goberno Local celebra o 30º aniversario das primeiras eleccións democráticas

A Corporación Municipal celebrou hoxe un pleno extraordinario, a instancias da FEMP, co fin de conmemorar os 30 anos da celebración das primeiras eleccións municipais democráticas, celebradas o 3 de abril de 1979. <br /> <br />

venres, 3 abr 2009
1238762732pleno.JPG
No transcurso do pleno, o alcalde Abel Caballero deu lectura a unha declaración institucional unitaria, elaborada pola FEMP, na que se fai referencia ao papel desempeñado polos gobernos locais nestos 30 anos.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA FEMP E DA FEGAMP CO GALLO DO "30 ANIVERSARIO DAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS DEMOCRÁTICAS"- 3 DE ABRIL DE 2009

O 3 de abril de 1979, celebráronse as primeiras eleccións municipais democráticas, ao amparo da recentemente aprobada Constitución de 1978.

A cidadanía entraba por primeira vez nos Concellos, nas Deputacións, nos Cabildos e nos Consellos Insulares, os seus gobernos máis próximos, e pasaron a dirixilos. Foron os protagonistas do proceso de normalidade democrática que daba comezo no noso país.

Aquelas eleccións foron o inicio real da gran transformación política, social e económica de España,e do período máis longo de progreso e de convivencia en liberdade da nosa historia.

Os primeiros Concellos democráticos foron o escenario do desenvolvemento e a consolidación da democracia, da participación política, da consolidación dos dereitos da cidadanía, pero tamén da implantación e da extensión de servizos, agora universais, que contribuíron a aumentar o benestar e a calidade de vida das persoas.

Os Gobernos Locais españois foron os principais motores do cambio social, e os impulsores dos avances máis importantes que viviu España.

Nestes trinta anos, miles de homes e mulleres dedicaron as súas ilusións, o seu tempo e os seus coñecementos a representar con dedicación e responsabilidade aos seus veciños. Miles de persoas, na súa condición de representantes públicos locais, Concelleiros e Concelleiras, Alcaldes e Alcaldesas, contribuíron co seu traballo á defensa da liberdade, da convivencia e da igualdade de oportunidades, valores supremos do sistema democrático.

En especial, queremos manifestar o noso recoñecemento e solidariedade con todos aqueles que sufriron e sofren a ameaza terrorista de ETA e tamén o recordo emocionado de todos os nosos compañeiros asasinados por defender a liberdade e a democracia.

Os Gobernos Locais españois participaron de forma activa na transformación dun estado centralista e totalitario cara a un Estado de Dereito, descentralizado e participativo. Como parte esencial do novo estado democrático, as Institucións Locais contribuímos de forma activa na súa construción, fomos tamén responsables, coa sociedade e cos demais poderes públicos, da súa consolidación, nun claro exercicio de compromiso, de lealdade e de xenerosidade institucional.

Trinta anos despois, os Gobernos Locais españois non temos ainda o lugar institucional que a Constitución esixe. O Estado evolucionou, pero non o suficiente para aproveitar todo o potencial de solvencia, de eficacia e de eficiencia dos Gobernos Locais, pola súa proximidade aos cidadáns e pola súa capacidade de resposta rápida ás súas demandas.

Chegou a hora dos Gobernos de proximidade. Somos tan Estado como os demais poderes públicos, coa vantaxe de que estamos máis preto da cidadanía.

Demostramos, durante trinta anos, a nosa capacidade de compromiso e eficacia coa execución de miles de obras públicas municipais financiadas con fondos propios ou da Unión Europea, na actual conxuntura económica con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local.

Consideramos necesario dotarnos de instrumentos que nos permitan paliar o actual déficit de representación institucional do poder municipal, especialmente nos ámbitos de discusión e negociación dos modelos de financiamento.

Nesta lexislatura, temos que contar cun novo modelo de financiamento local que sexa común para todo o territorio nacional e que se atope dotado dunha adecuada participación tanto nos tributos do Estado, como nos das Comunidades Autónomas suficiente e estable para satisfacer as demandas e necesidades reais dos cidadáns e que debe ser elaborado e acordado coa FEMP e coa FEGAMP de forma simultánea e vinculada ao acordo de financiamento coas Comunidades Autónomas.

O financiamento local debe ser coherente e ir acompañado pola aprobación nas Cortes Xerais dun "Estatuto Básico do Goberno Local" que defina de xeito claro as competencias reais de Concellos, Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares, observando os principios de autonomía e subsidiariedade.

Reclamamos a implantación e desenvolvemento de modelos de financiamento e de Estatutos do Goberno Local no ámbito autonómico, cos mesmos principios de autonomía, de suficiencia financeira e de subsidiariedade.

Transcorridos trinta anos da posta en marcha e desenvolvemento das políticas publicas locais, que transformaron o perfil dos nosos pobos e cidades, temos no noso horizonte importantes retos que queremos afrontar con empuxe e decisión, dende a responsabilidade e dende a confianza que nos outorga a masiva participación cidadá nas sucesivas convocatorias electorais, que nos fan renovar o noso firme compromiso cívico de progreso, de cohesión social.




Descargar todas as imaxes