Escoitar

Santi Domínguez destaca o Centro Quérote como exemplo da aposta da anterior Xunta pola mocidade

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, sinalou este venres que o Centro Quérote e o exemplo da aposta que fixo o goberno da Xunta saínte a prol da mocidade. Asemade, o concelleiro salientou a valoración tan positiva que o centro está tendo por parte dos seus usuarios e usuarias. Dende o mes de xaneiro ao 31 de marzo recibíu 591 visitas presenciais, 260 en internet e 124 consultas telefónicas.

venres, 3 abr 2009
1238761721centroquerete.jpg
"Para nós é un orgullo contar na cidade con este centro, que forma parte dos centros de asesoramento afectivo-sexual públicos de Galiza e exemplo do que a Xunta anterior quixo facer", destacou Santi Domínguez. "Seguiremos apostando polo sector público e pola atención directa á cidadanía", afirmou, ao tempo que explicou que a visita ao Centro Quérote, inaugurado o 30 de xullo do pasado ano, se enmarca no percorrido polos distintos centros públicos postos en marcha ao longo da pasada lexislatura autonómica.

O tenente de alcalde lembrou as visitas realizadas recentemente á galescola da rúa Palencia, que atende á franxa de idade de 0 a 3 anos, e ao Centro de Día Atalaia, destinado a persoas maiores. "Hoxe o percorrido complétase nunha franxa de idade moi importante para nós como é a mocidade", afirmou. O obxectivo principal da rede de Centros Quérote é o de achegar aos mozos e mozas unha completa información afectiva e sexual, pero ademais tamén ofrecen orientación e información achegándose aos centros de ensino desenvolvendo actividades para o alumnado, para as nais e os pais e para os educadores.

Nas instalacións de Vigo, atendidas por unha traballadora social, unha psicóloga e un médico, o asesoramento sobre os métodos anticonceptivos, as diferentes prácticas eróticas e os problemas de relación coa parella constitúen as consultas máis habituais. As persoas interesadas poden achegarse ao centro, ubicado na rúa Ferrería 41, en horaros de 10 a 14 horas os luns e os venres e de luns a venres en de 16:30 a 20:30 horas. Pero tamén se poden formular telefonicamente no número 902 141 617 ou a través do correo electrónico info@querote.org.

Preguntado polos medios sobre cal é a súa mensaxe á nova Xunta, o nacionalista subliñou que por parte do BNG "só hai unha única mensaxe, que é que queremos que o novo goberno siga apostando por Vigo e polo sector público, porque este garante a igual atención para todos e todas". "Espero que non só non desmantelen estes centros senón que os amplíen", manifestou.
Descargar todas as imaxes