Escoitar

A corporación expresa a solidariedade de Vigo cos familiares dos militares asasinados en Afganistán

O alcalde en funcións do Concello de Vigo, Santi Domínguez, en nome de toda a corporación municipal, expresou este luns as súas condolencias e solidariedade polo falecemento en atentado de dous militares da Brilat esta fin de semana en Afganistán. Santi Domínguez deu lectura a un comunicado, consensuado polos voceiros das tres formacións políticas con representación municipal, e posteriormente mantívose unha concentración silenciosa de tres minutos en recordo do soldado vigués Rubén Alonso Ríos e o seu compañeiro, o asturiano Juan Suárez García.

luns, 10 nov 2008
1226321398minutosilencio.jpg
"Dende o Concello de Vigo queremos facer chegar a nosa máis sinceira condolencia aos familiares e amigos dos dous militares falecidos no atentado suicida perpetrado en Herat, ao sur de Afganistán, así como trasladar o noso apoio aos outros soldados feridos", subliñou Santi Domínguez, quen manifestou a solidariedade da corporación municipal en nome de toda a cidade de Vigo. "Todos xuntos queremos trasladar moi especialmente os noso apoio e ánimo, nestes momentos de fondo pesar, aos familiares e achegados do noso veciño, o cabo primeiro Rubén Alonso Ríos, un home xoven que deixou a súa vida no exercicio dun labor que todos recoñecemos e non esqueceremos", sinalou. Asemande, sinalou que a corporación municipal pon os servizos do Concello de Vigo a disposición da viúva e os fillos do cabo Alonso Ríos.

O alcalde en funcións subliñou que hoxe é un día "realmente triste", no que hai que laiar "unha vez máis" a morte de dúas persoas que estaban desenvolvendo o seu labor solidario, neste caso en Afganistán. "Dende a corporación municipal queremos transmitir unha mensaxe clara de solidariedade e ánimo e poñérmonos a súa disposición", reiterou.
Por outra banda, indicou que ao funeral que se celebrará mañá en Figueirido asistirá unha representación da corporación municipal.

Descargar todas as imaxes