Escoitar

Campións de catro ligas nacionais estarán no Torneo Cidade de Vigo de Hockye sobre Patíns

Santiago Domínguez, tenente de alcalde, asegurou hoxe que a calidade da 25 edición do Cidade de Vigo de Hockey sobre Patíns é das mellores, "por non dicir que é o torneo máis importante do mundo". Segundo el, "queriamos dárlle un pulo" e conseguiuse "que se poida considerar extraoficialmente un mundialito de clubs".

luns, 15 set 2008
1221482413torneohockey.jpg
Campións das catro ligas nacionais de hóckey sobre patíns máis importantes do mundo (tres europeas e unha suramericana) daranse cita en Vigo de mércores a sábado pola vixesimoquinta edición do Cidade de Vigo, que ademais reúne a todos os campións da Copa de Europa (antes Liga de Campións, agora Liga Europea) deste século: Barcelona (2001, 2002, 2004, 2005, 2007 e 2008), Follonica (2006) e Liceo (2003). O pavillón central do IMD das Travesas verá xa o mellor hockey rodado do planeta do 17 ao 20 de setembro. O torneo ten carácter oficial desde 1991 para o Comité Europeo de Hockey sobre Patíns (CERH), órgano da Confederación Europea de Patinaxe (CERS). Tenencia de Alcaldía, Concellería de Deportes e Turismo de Vigo patrocinan esta histórica edición. Ademais dos campións europeos estarán os portugueses Porto, Benfica e Juventude de Viana, o arxentino Concepción de San Juan e o local Vigo Stick.

Para Santi Domínguez, este torneo "é a antesala do gran acontecemento do Mundial de seleccións que nos vai a servir para engranar toda a organización",
porque o tenente de alcalde e o concelleiro de Deportes pretenden que o Mundial de 2009 "sexa o mellor mundial de toda a historia".

O Concepción Patín (Arxentina) e o Juventude de Viana (Portugal) son agora as últimas novidades en incorporarse a un torneo que só gañaron cinco equipos (o Liceo en 13 ocasións, o Barcelona seis veces, o ONCE Igualada en dúas e o Barcelos e o Amatori Vercelli nunha cada un) e España (1984). O trofeo viaxou xa a Italia (1998) e Portugal (1991). O Barcelona, que gañou a OK Liga os dez últimos anos de forma consecutiva, defende tamén título vigués. É a primeira vez que un equipo non europeo participa no cuadrangular (agora octogonal) vigués.

O torneo recibe aos mellores sen discusión. Ningún outro evento, nin tan sequera o Mundial de clubs (segunda edición, Reus, 22-28 deste mes) concentra tanto palmarés como o que acode ás Travesas grazas á presenza de todos os dominadores das mellores ligas. Os afeccionados poderán ver aos campións de Italia e Portugal, que en cambio renunciaron a participar no Mundial que empeza a semana vindeira.

A organización anunciou que haberá un stage internacional de árbitros para unificar criterios e tamén unhas xornadas para coñecer as mellores posibilidades audiovisuais pensando no Mundial de 2009.

O Follonica acode á cita viguesa como primeiro equipo que conquista un título oficial esta tempada 08/09, ao lograr a Supercopa de Italia ante o Amatori Lodi (2-1), conxunto que disputou o Cidade de Vigo en 1987 e 1994. Hai dez anos da primeira e única vitoria dunha escuadra transalpina no pavillón vigués.

O tenente de alcalde tamén advertiu de que se está a traballar para resolver os problemas de falta de patrocinio do Vigo Stick. O presidente do club, Quique Urdiales, dixo que se están a ver "solucións imaxinativas"

A organización establecerá unha clasificación do primeiro ao oitavo, o que obriga a xogar dous cadros, o dos gañadores dos cuartos e o dos perdedores desa fase. Así, disputaranse un total de doce partidos e cada equipo asegúrase saltar ao parquet das Travesas en tres ocasións. Co apoio tamén de Caixanova haberá po segundo ano consecutivo un torneo feminino co Ureca, Vigo Stick, Noia Freixente e Compostela.
Descargar todas as imaxes