Escoitar

A Fundación Laxeiro convoca a quinta edición das bolsas á creación artística

Ata o día 1 de novembro, os artistas galegos ou residentes en Galicia, menores de 36 anos, poden presentar os seus proxectos expositivos, pensados para a Sala B da Fundación Laxeiro, e participar así na convocatoria das Bolsas á creación artística que convoca a Fundación Laxeiro co patrocinio da Fundación Feima.

venres, 12 set 2008
1221216357instalacionvala2.jpg
Instalación vala
Os premios ao proxecto gañador consta dunha contía económica de 8.000 euros; exposicións do proxecto dentro da programación da tempada 2009, na sede da Fundación Laxeiro en Vigo e na sede da Fundación Feima en Madrid, e a edición dun catálogo en tres idiomas (galego, castelán e inglés) que recollerá toda a producción do artista gañador ata o momento.

Tamén haberá dous premios de adquisición por importe de 2.000 euros cada un, para os dous proxectos finalistas.

Esta convocatoria estase a converter nunha das máis solicitadas polos artistas emerxentes da Comunidade Autónoma, ao proporcionarlles unha proxección imprescindible para a carreira dos novos creadores. A edición dun coidado catálogo que recolle, ademais da obra do proxecto expositivo, toda a producción anterior, é unha ferramenta imprescindible na difusión do traballo artístico que, polo seu custo, non é doado de acadar. A inclusión dunha exposición individual do artista na Fundación Laxeiro en Vigo e na Fundación Feima en Madrid, son unha oportunidade relevante na traxectoria dos artistas gañadores que, frecuentemente significan a súa primeira experiencia na montaxe dun proxecto expositivo individual, con todo o que conleva, por unha banda, na difusión do seu traballo e, por outra, na aprendizaxe do proceso de levar un proxecto á realidade da sala de exposicións.

Os gañadores doutras edicións das Bolsas á creación artística da Fundación Laxeiro foron:
2004: Antón Cabaleiro (Santiago de Composela, 1977)
2005: Amaya González Reyes (Sanxenxo, Pontevedra, 1979)
Co patrocinio da Fundación Feima:
2006: Mar Vicente (Valadouro, Lugo, 1979)
2007: Belén Uriel, (Madrid, 1974) da que todavía se pode ver a súa exposición, titulada Full View durante o mes de setembro na sede da Fundación Laxeiro en Vigo.

Os beneficiarios dos Premios adquisición doutras edicións, foron:
2006:Pablo Pérez Sanmartín (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, 1980); Samuel Castro (Cambre, A Coruña, 1981)
2007: de forma extraordinaria se concederon tres premios adquisición que recaíron en: Antía Moure (Monforte de Lemos, Lugo, 1981); Emilio Cendón (Vigo, 1977); Ronda Bautista (Combarro, Pontevedra, 1984)

A traxectoria posterior dos artistas gañadores das pasadas edicións, avala o interese da presente convocatoria, como eles mesmos recoñecen nalgunha entrevista publicada en prensa. Este é o caso de Antón Cabaleiro que está tendo unha proxección sen parada desde a súa exposición na Fundación Laxeiro, con presencia en ARCO, coa galería Marisa Marimón e a realización dun master de creación audiovisual na School of Visual Arts de Nova York, para cuxa admisión foi decisivo o seu traballo coa Fundación Laxeiro e o catálogo editado a tal efecto, ademais de acadar numerosos recoñecementos dentro e fóra do Estado Español. Amaya González Reyes ven de realizar unha exposición individual en Madrid, na galería Pilar Parra y Romero e de gañar unha bolsa na Deputación de Guipúzcoa que lle permitíu unha certa proxección. Mar Vicente está traballando en Austria e inaugurará en breve unha exposición individual na Galería Bacelos de Vigo. Por último Belén Uriel, está xa a piques de presentar o seu proxecto individual para Cajamadrid, que se exhibirá en ARCO’09, como gañadora da Beca Generación 2009. Precisamente, o proxecto gañador da edición do ano pasado, Full View de Belén Uriel, pódese visitar na Fundación Laxeiro, en Vigo, ata o vindeiro 28 de setembro. Debido ao éxito de asistencia, a Fundación decidiu aplazar a súa clausura que estaba programada para o pasado 7 de setembro.
1221216357instalacionvala2.jpg
1221216471exposicionfullview1.jpg
Descargar todas as imaxes