Escoitar

Haberá unha zona de seguridade no mar nas probas da Powerboat, que se poden seguir desde varios puntos da cidade

Para os tres días que dura a disputa do Campionato do Mundo de Powerboat, Capitanía Marítima de Vigo e a organización dispuxeron unha zona de seguridade na Ría convenientemente sinalizada por aboias para salvagardar o percorrido e permitir que quen o desexe poida seguir as competicións desde o mar. Recoméndanse tamén diferentes alternativas para o seguimento das probas desde distintos puntos da cidade.

xoves, 11 set 2008
1221138896poweboat.jpg
Do mesmo xeito que ocorrese durante a saída da Volta ao Mundo de Vela, en novembro de 2005, a área de seguridade estará permanentemente controlada. Capitanía e a organización (que pón 40 embarcacións) acoutarana con apoio de Salvamento Marítimo e Garda Civil desde as 9.00 horas ás 19.00 horas, non permitindo a navegación nese espazo interior. Quen desexe seguir as probas nun barco particular ou por outros medios terá canles para acceder a zonas onde poder ver a competición dende o mar.

A área de exclusión no porto será para venres e sábado, mentres que esa zona de seguridade situarase o domingo en Samil, onde se trasladará a "Fórmula 1 do mar", tamén co mesmo horario (9.00-19.00).

Para aqueles cidadáns e cidadás que queiran seguir dende terra a competición, o Concello lembra que, ademais do peirao de Trasatlánticos, existen excelentes miradores nos seguintes puntos: Punta Lagoa, espigón do peirao do Náutico, porto e espigón deportivo do Náutico, Monte do Castro, Paseo de Afonso e Monte da Guía. En canto á proba que se celebrará en Samil, ademais do propia praia, as zonas recomendadas para o seu seguimento son o Museo do Mar, o Paseo Paz Andrade en Bouzas, a ponte de Toralla e o peirao do Club Marítimo de Canido.
Descargar todas as imaxes