mércores, 9 febreiro 2011

O alcalde felicita aos axentes de seguridade ao baixar en 2010 o índice de criminalidade de Vigo

O alcalde, Abel Caballero, e o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, visitaron este mércores as obras da nova Comisaría da Policía Nacional na rúa López Mora, un investimento superior aos 15 millóns de euros que entrará en funcionamento en novembro. Segundo adiantou Louro, Vigo baixou os seus índices de criminalidade en 2010, e o rexedor vigués amosouse "convencido de que a cooperación entre as policías continuará e Vigo seguirá a ser unha das cidades máis seguras de España".

Caballero informa dunha nova sentenza do TSXG que avala a decisión municipal de duplicar a vivenda protexida

mércores, 9 feb 2011

O alcalde fixo pública este mércores unha nova sentencia xudicial favorable aos intereses do Concello de Vigo -suman xa sete- en relación ao Plan Xeral. Neste caso, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala a duplicación da porcentaxe da vivenda protexida sen necesidade de exposición pública previa, porque non implica a "alteración do uso residencial dos ámbitos" e porque "está xustificado" o incremento no estudo de viabilidade municipal. O recurso era á totalidade do Plan.

O tenente de alcalde destaca que o acondicionamento do miradoiro do Paseo de Alfonso atende unha demanda veciñal

mércores, 9 feb 2011

O tenente de alcalde, Santi Domínguez e o concelleiro de Patrimonio Histórico visitaron este mércores o miradoiro do Paseo de Alfonso, no que se están acometendo traballos de acondicionamento, como o peche dos baixos e limpeza do contorno. Segundo o nacionalista, con estas actuacións no único miradoiro urbano de Vigo estase dando resposta á unha das demandas dos veciños e veciñas do Casco Vello para solucionar os seus problemas.

Os ámbitos urbanísticos iniciados en Vigo inclúen máis de 10.000 vivendas de protección

mércores, 9 feb 2011

O concelleiro de Urbanismo, José Mariño, informou hoxe mércores que os 40 ámbitos urbanísticos que teñen iniciada a súa tramitación en base ao novo Plan Xeral suman 5,5 millóns de metros cadrados e case 19.000 vivendas, das que máis de 10.000 son de protección oficial. Estes espazos incluirán tamén 740.000 metros cadrados de zonas verdes. O edil amosouse "satisfeito" polos avances urbanísticos rexistrados co novo PXOM pese á crise económica e financeira actual.

Xesus López presenta o I Concurso de Gaita para Solistas que terá a fase final o 30 de abril no Auditorio Municipal

mércores, 9 feb 2011

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este mércores o I Concurso de Gaita para Solistas Concello de Vigo, para o que as persoas interesadas poden inscribirse dende mañá, 10 de febreiro, ao 1 de abril. A fase final do concurso celebrarase o 30 de abril no Auditorio Municipal. Segundo o nacionalista, con esta iniciativa, que se pon en marcha coa colaboración da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo, dase resposta a unha "eiva histórica" no eido da música tradicional.

Os cuartos de final da Copa do Rei de Balonmán enfrontarán ao Octavio co Ademar Valladolid o 7 de abril nas Travesas

mércores, 9 feb 2011

O sorteo dos cuartos de final da XXXVI Copa do Rei de Balonmán que se celebrou hoxe emparellou ao Octavio Pilotes Posada co Cautro Rayas Valladolid. O enfrontamento será o xoves, 7 de abril ás 21 horas no pavillón das Travesas. Os demáis emparellamentos son F.C. Barcelona Borges-Reale Ademar León, o CAI BM Aragón-Fraikin BM Granollers, e Amaya Sport San Antonio-Renovalia Ciudad Real. No acto, o tenente de alcalde, Santi Domínguez, agradeceu "a confianza por ter elixido Vigo" para celebrar este campionato, que se desenvolverá do 6 ao 10 de abril.

ARTISTAS PARTICIPANTES MÓNICA ORTÚZAR - ELENA MENDIZÁBAL - ANA GESTO- SOL ALONSO - IGNACIO BARCIA - PABLO HUERTAS - PELLO MITXELENA

A Fundación Laxeiro presenta a exposición "Materialización"

mércores, 9 feb 2011

Co título Materialización, a Fundación Laxeiro presenta esta exposición que é o resultado do traballo de investigación dun grupo de artistas, membros das Universidades de Vigo e o País Vasco, que levan oito anos traballando en equipo, ao redor da idea de pensamento/creación/materialización.A mostra poderase ver na sala B da Fundación Laxeiro do 11 de febreiro ó 15 de maio.<br />

O Concello abre o prazo de inscrición para o concurso-exposición da Camelia, que se celebrará o 26 e 27 de febreiro

mércores, 9 feb 2011

As persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscrición para participar no concurso-exposición da Camelia, que terá lugar os días 26 e 27 de febreiro nas instalacións da Zona Franca no Peirao de Bouzas. Nesta ocasión, un total de dez modalidades son as que integran o concurso, aínda que a mesma persoa non poderá participar en máis de dúas, co obxectivo de que os premios sexan distribuídos entre o maior número posíbel de concursantes.