Escoitar

O tenente de alcalde destaca que o acondicionamento do miradoiro do Paseo de Alfonso atende unha demanda veciñal

O tenente de alcalde, Santi Domínguez e o concelleiro de Patrimonio Histórico visitaron este mércores o miradoiro do Paseo de Alfonso, no que se están acometendo traballos de acondicionamento, como o peche dos baixos e limpeza do contorno. Segundo o nacionalista, con estas actuacións no único miradoiro urbano de Vigo estase dando resposta á unha das demandas dos veciños e veciñas do Casco Vello para solucionar os seus problemas.

mércores, 9 feb 2011
1297258721Miradoiro.JPG
"Cando falamos de recuperación e aposta definitiva polo Casco Vello tiñamos moi claro que non só podiamos actuar no que se ve, senón tamén na mellora da calidade de vida da veciñanza", afirmou o tenente de alcalde. Neste sentido sinalou que o contorno do miradoiro do Paseo de Alfonso tiña "graves problemas que afectaban aos veciños e veciñas", ao converterse en foco de actividades relacionadas coa exclusión e as drogas, que incluso repercutían na seguridade, polo que demandaban que se lle dera unha solución acaída.

Santi Domínguez explicou que coas actuacións que se están levando a cabo, que contan cun investimento de 35.000 euros, "fixemos caso a esa gran demanda e solucionamos ese problema". Indicou que se pecharon os dous andares que están debaixo do miradoiro, mentres que na parte alta acometeuse a limpeza da pedra, a impermeabilización da zona e a renovación da varanda. "Os veciños cos que falamos estes días din que están encantados coa solución do problema", transmitiu o nacionalista. Avanzou, por outra banda, a colocación de sinaléctica sobre o que se pode contemplar desde ese espazo"para poñer en valor o mirador" unha vez rematados estes traballos.

"Esta é a constante coa que queremos traballar: primeiro que os veciños e veciñas teñan calidade de vida e despois poñendo bonitas as cousas", asegurou. O tenente de alcalde afirmou que se a cidadanía renova a súa confianza no BNG esta vai ser a prioridade na vindeira lexislatura.

Panificadora
Preguntado polos medios polos trámites nos que se atopa a Panificadora, Santi Domínguez manifestou o acordo do BNG coa expropiación do edificio para a súa conservación. "Pensamos que é un ámbito que hai que conservar e nesta lexislatura tense demostrado que o BNG é a forza que máis traballou pola conservación do patrimonio", salientou. Ao seu xuízo, se non hai posibilidade de chegar a un acordo, "iniciar a expropiación é o axeitado". Segundo asegurou o nacionalista, "cando os donos non son quen de manter o patrimonio en bo estado, a administración ten que actuar".
Descargar todas as imaxes