Escoitar

Xesus López presenta o I Concurso de Gaita para Solistas que terá a fase final o 30 de abril no Auditorio Municipal

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este mércores o I Concurso de Gaita para Solistas Concello de Vigo, para o que as persoas interesadas poden inscribirse dende mañá, 10 de febreiro, ao 1 de abril. A fase final do concurso celebrarase o 30 de abril no Auditorio Municipal. Segundo o nacionalista, con esta iniciativa, que se pon en marcha coa colaboración da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo, dase resposta a unha "eiva histórica" no eido da música tradicional.

mércores, 9 feb 2011
1297258747Gaiteiro.JPG
Xesus López destacou que dende a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural "seguimos a traballar para que aquelas persoas que destacan no eido da cultura teñan espazos nos que expresarse, pero tamén que os vigueses e viguesas poidamos gozar da súa capacidade creativa e interpretativa". Neste sentido afirmou que o concurso é unha oportunidade para os participantes e un xeito de "ofrecer espectáculo", posto que conseguen "sacar o mellor de si mesmos".

O concelleiro de Cultura sinalou que o concurso está dirixido a solistas, ao considerar que "unha soa gaita permite apreciar o mellor do seu son". Agradeceu ao presidente da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo, a súa colaboración, porque asegurou que con persoas como Roberto Giráldez "é moi doado facer cousas e que saian adiante".

Roberto Giráldez explicou que poderán participan na iniciativa todos os gaiteiros e gaiteiras que o desexen, vestidos cos traxes tradicionais, pero que só se admitirán instrumentos tradicionais galegos. Apuntou que o concurso vaise celebrar o 30 de abril "sempre e cando non se superen as 10 inscricións" e que se hai máis haberá unha fase eliminatoria anterior. As bases poderán consultarse a partir de mañá nas web vigocultura.org e centrosculturaisvigo.es.

Concederanse tres premios, dotados con 2.000, 1.000 e 500 euros, respectivamente, así como 100 euros en "gastos de participación" para os que participen na final. O presidente da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo avanzou que o xurado estará composto por "persoas de recoñecido prestixio no ámbito da música tradicional", que valorarán tanto a interpretación como o vestiario das persoas participantes.

Roberto Giráldez agradeceu á Concellería de Cultura e ao seu equipo encabezado por Xesus López o seu traballo, porque asegurou que "o doado é facer propostas e que esas propostas sexan atendidas".
Descargar todas as imaxes