Escoitar

O alcalde felicita aos axentes de seguridade ao baixar en 2010 o índice de criminalidade de Vigo

O alcalde, Abel Caballero, e o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, visitaron este mércores as obras da nova Comisaría da Policía Nacional na rúa López Mora, un investimento superior aos 15 millóns de euros que entrará en funcionamento en novembro. Segundo adiantou Louro, Vigo baixou os seus índices de criminalidade en 2010, e o rexedor vigués amosouse "convencido de que a cooperación entre as policías continuará e Vigo seguirá a ser unha das cidades máis seguras de España".

mércores, 9 feb 2011
1297258374comisaria.jpg
Vigo mellorou o seu índice de criminalidade no ano 2010. Así o avanzou o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, nunha visita co alcalde vigués, Abel Caballero, aos traballos de construción da nova Comisaría da Policía Nacional na cidade.

Aínda que non quixo precisar os datos polo momento, Louro si avanzou que "os resultados son óptimos" na cidade do olivo e "Vigo segue a ser unha cidade moi segura", e incluso puntualizou que "probablemente sexa das cidades máis seguras de España".

O alcalde de Vigo felicitou aos axentes dos distintos corpos de seguridade que operan na urbe -Policía Loca, Nacional e Garda Civil- pola súa "dedicación 24 horas ao día", e subliñou a "coordinación" entre os distintos efectivos policiais. Caballero amosouse "convencido de que a cooperación entre as policías continuará e Vigo seguirá a ser unha das cidades máis seguras de España".

Nova Comisaría
Abel Caballero e Antón Louro visitaron este mércores as obras de construción da nova sede da Policía Nacional na viguesa rúa de López Mora, onde o Ministerio do Interior inviste máis de 15 millóns de euros para habilitar seis andares con máis de 15.000 metros cadrados de superficie útil.

Os traballos van "ao ritmo previsto" e Louro estimou que en novembro entrará en funcionamento a Comisaría como "unha das máis modernas de toda España", e albergará a "práctica totalidade" das funcións da Policía Nacional na cidade

O primeiro edil vigués recoñeceu o "esforzo" do Goberno de España, pois "esta cidade necesitaba" dunha nova Comisaría, pois a demanda "satura" as instalacións actuais da Policía Nacional.
Descargar todas as imaxes