Escoitar

O Concello abre o prazo de inscrición para o concurso-exposición da Camelia, que se celebrará o 26 e 27 de febreiro

As persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscrición para participar no concurso-exposición da Camelia, que terá lugar os días 26 e 27 de febreiro nas instalacións da Zona Franca no Peirao de Bouzas. Nesta ocasión, un total de dez modalidades son as que integran o concurso, aínda que a mesma persoa non poderá participar en máis de dúas, co obxectivo de que os premios sexan distribuídos entre o maior número posíbel de concursantes.

mércores, 9 feb 2011
1297252074camelia1.jpg
Ao concurso-exposición poden concorrer todas as persoas interesadas na camelia, profesionais ou afeccionados, nacionais ou estranxeiros, persoas físicas ou xurídicas, sempre que realicen a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello de Vigo, até as 13.30 horas do día 21 de febreiro. Poderán presentarse flores pertencentes a calquera especie e variedade de camelia, así como calquera híbrido destas.

Establécense diversos premios, entre o que destacan o Camelia de Ouro, ao/á concursante que presente o conxunto de variedades máis destacado en canto a número e calidade das flores; o premio especial Antonio Odriozola, que se outorgará á flor individual máis destacada dun conxunto que se exporá nunha mesa separada.

Haberá tamén tres premios aos mellores lotes das modalidades de camelia reticulata de calquera cor ou variegación e híbridos de camelia, así como dous premios aos mellores lotes das modalidades camelia xapónica branca, camelia xapónica rosada ou doutras cores, camelia xapónica vermella e camelia xapónica xaspeada ou variegada e outras especies de camelia.

Tamén haberá dous premios á mellor presentación artística, na que se valorará o conxunto de flores e plantas de camelia acompañados ou non doutros obxectos e elementos decorativos que, a xuízo do xurado, se distingan pola súa colocación artística. Finalmente, entregarase o Premio Especial da Sociedade Española da Camelia ao/á concursante máis destacado/a entre os que participen por primeira vez no certame de Vigo.

Por outra banda, e co obxecto de facilitar que aqueles/as cultivadores/as que non desexen participar no concurso poidan de calquera modo amosar as súas flores, a organización habilitará unha mesa especial para eles.
Descargar todas as imaxes