venres, 14 mar 2008
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este venres que a Tenencia de Alcaldía instalará unha oficina na lonxa do Concello para asesorar ás persoas interesadas en solicitar as subvencións das áreas sociais, que para este ano ascenden a 1.900.000 euros. Santi Domínguez sinalou que deste xeito quérese ofrecer unha "atención personalizada a todas as persoas que queiran acceder as axudas durante todo o tempo que dure o proceso".
mércores, 12 mar 2008
A Confederación Galega de Minusválidos (Cogami) amosou este mércores o seu apoio á posta en marcha por parte da Tenencia de Alcaldía do proxecto "O noso taxi", que permitirá que as persoas con algún tipo de discapacidade poidan utilizar este servizo ao mesmo prezo que o autobús urbano colectivo, segundo manifestaron esta mañá o tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o presidente de Cogami-Pontevedra, Ángel Holguera, tras a reunión que mantiveron no Concello xunto á concelleira de Benestar Social, María Méndez. Na súa intervención, Santi Domínguez salientou a importancia de contar con esta asociación pola súa "gran experiencia" na integración de persoas con discapacidade.
martes, 11 mar 2008
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recibiu este martes a representantes da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade e acordaron procurar unha localización para un centro de recursos para os discapacitados, que axunte todos os servizos de COGAMI. A día de hoxe, a Confederación ten atendido en Vigo máis de 3.100 persoas.
luns, 10 mar 2008
O Parque Tecnolóxico contará ao longo do 2009 cunha galescola froito da cesión dun terreo ao Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar aprobada na Xunta de Goberno Local celebrada este luns. Segundo salientou a concelleira de Benestar Social, María Méndez, nunha rolda de prensa conxunta co tenente de alcalde, Santi Domínguez, en 2009 Vigo contará con dúas galescolas, xa que proximamente será inaugurada a da rúa Palencia en virtude do convenio asinado coa Secretaría Xeral de Igualdade.
venres, 29 feb 2008
O alcalde, Abel Caballero, asinou este venres un convenio de colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Vigo para a realización de actividades que faciliten a comunicación directa aos discapacitados auditivos. O acordo desenvolverase coa axuda de dous intérpretes de lingua de signos.
xoves, 28 feb 2008
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, salientou este xoves as características que actualmente presentan a emigración e a pobreza, entre as que destacou a súa feminización. Ademais, durante a presentación do segundo Certame Audiovisual "Ollo de Vidro", que organiza a Fundación Érguete, María Méndez subliñou que por isto é preciso dirixir os esforzos cara aos colectivos de mulleres, tal e como está a facer a súa Concellería, desenvolvendo proxectos nos eidos da educación, a vivenda, a integración laboral e os problemas de xénero.
venres, 22 feb 2008
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este venres que ao longo do vindeiro mes de marzo asinará o novo convenio de colaboración coa Asociación de Xordos de Vigo. Ademais, durante a visita que realizou ás xornadas de portas abertas organizadas por esta entidade asegurou que a achega municipal, cifrada actualmente en 16.500 euros, experimentará un incremento para impulsar a defensa da lingua de signos, desenvolver campañas de sensibilización sobre a realidade das persoas con discapacidade auditiva e fomentar a súa integración.
xoves, 21 feb 2008
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, fixo balance este xoves do labor desenvolvido polo Servizo de Axuda no Fogar (SAF), dirixido polo seu departamento a través dun convenio asinado coa Cruz Vermella de Vigo. Na súa intervención, María Méndez indicou que un total de 557 persoas se beneficiaron deste servizo ao longo de todo o 2007, das que o 78,4 por cento son mulleres e o 71,1 por cento son persoas de idade superior aos 76 anos.
luns, 18 feb 2008
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, visitou este luns as instalacións da Asociación Down Vigo no marco da rolda de encontros que está a manter con diversos colectivos da cidade para coñecer de primeira man a súa realidade cotiá. Durante o percorrido que realizou na sede da asociación felicitou os directivos da entidade "polo gran labor que están a desenvolver no eido da discapacidade" e amosou a disposición do Concello para manter a colaboración con esta entidade.
A Concellería de Igualdade conta con 18.100 euros para axudar a mulleres vítimas de violencia de xénero que teñan pasado pola casa de acollida
luns, 18 feb 2008
A Concellería de Benestar Social destinará este ano 140.000 euros a axudas de emerxencia para persoas ou familias en situación de necesidade. Pola súa parte, a Concellería de Igualdade ten consignados 18.100 euros para asistir as mulleres vítimas de malos tratos. Así o anunciaron este luns as respectivas concelleiras, María Méndez e Iolanda Veloso.