Escoitar

O Parlamento de Galicia acollera unha mostra por mor do centenario de Laxeiro

O alcalde de Vigo e Presidente da Fundación Laxeiro, Abel Caballero, e a Presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, asinaron este venres un convenio polo que preto de 40 obras estarán expostas na Cámara autonómica entre setembro e decembro deste ano. Esta actividade se enmarca no centenario do nacemento do pintor.

venres, 23 mai 2008
O alcalde e Presidente da Fundación Laxeiro, Abel Caballero, rubricou este venres un convenio co Parlamento de Galicia que permitirá a exposición de case 40 obras na Cámara autonómica desde setembro ata decembro de 2008.

A mostra "De Vigo a Bos Aires – Laxeiro e a pintura galega de posguerra" estará composta de obras de Laxeiro, Maside, Lugrís, Mario Granell, Colmeiro, Isaac Díaz Pardo, Julia Minguillón, Manuel Torres e Luis Seoane, e se enmarca nos actos de celebración do centenario do nacemento de Laxeiro.

As obras da exposición convivirán cos fondos da Cámara autonómica, integrados por máis de duascentas obras, que supoñen unha escolma dos autores galegos máis importantes do século XX, entre os que se atopan o propio Laxeiro, Carlos Maside, Manuel Colmeiro, Xaime Quessada, Urbano Lugrís, Luis Seoane, Alfonso Sucasas, Barreiro, Menchu Lamas e escultores como Buciños ou Acisclo.

Os visitantes poderán observar tamén, no lucernario da entrada principal do Parlamento, coincidindo coa entrada á exposición, a vidreira creada por Laxeiro específicamente para a Cámara autonómica en 1989. Comparte espazo coa vidreira elaborada por Isaac Díaz Pardo para o salón de plenos da Cámara autonómica e inaugurada con motivo da celebración do aniversario da Cámara, o 19 de decembro de 2007.

Na presentación participaron o alcalde e Presidente da Fundación Laxeiro, Abel Caballero; a Presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino; o concelleiro de Cultura, Xesús López; a Vicepresidenta da Fundación, Mª Cruz Otero; e o seu Secretario Xeral, Carlos García-Suárez.