Escoitar

Homenaxe a Enrique X. Macías no cincuenta aniversario do seu nacemento cun concerto en Vigo <br />

As composicións de Enrique X. Macías volveran soar o domingo en Vigo. O compositor vigués, nado en 1958 e falecido prematuramente en 1995, é homenaxeado coa celebración dun recital no que a Sond&#039;Arte Electric Ensemble de Portugal interpretará varias das súas composicións.

venres, 23 mai 2008
1211540129macias.jpg
A xira de tres concertos, organizados pola Consellaría de Cultura e Deporte e a Concellaría de Cultura do Concello de Vigo coa colaboración das concellarías de Cultura da Coruña e Santiago, abriuse este xoves 22 de maio no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Ao día seguinte, venres 23, chega ao Salón Teatro de Santiago. O ciclo rematará en Vigo o domingo 25, cun concerto no salón de actos do MARCO. As tres citas serán ás 20:30 horas con entrada gratuíta.

Os concertos enmárcanse no proxecto "As nosas músicas, os nosos sons", co que a Consellaría de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, quere dar a coñecer ao gran público o legado musical e creativo dos compositores galegos contemporáneos máis significativos. Este ano cúmprense 50 anos do nacemento de dous deses autores, aos que Cultura dedica senllas homenaxes: Manuel Balboa e Enrique X. Macías.

A homenaxe a Macías realízase en colaboración coa asociación portuguesa Miso Music, depositaria da obra do compositor. A asociación fundou o grupo Sond'Arte Electric Ensemble, coa dirección artística de Miguel Azguime e con Pedro Amaral como mestre titular. Este ensemble dedícase especificamente a un repertorio onde se conxugan instrumentos acústicos coas máis recentes tecnoloxías electrónicas, do que resulta un proxecto innovador. Na xira por Galicia integrarán o ensemble un conxunto de intérpretes de varios países, con frauta, clarinete, violín, violoncello, piano, viola, trompa e vibráfono.

O programa dos concertos está formado por tres obras de Enrique Macías: "Adhuc" (1993) para ensemble e electrónica; "Cadencias e interludios/Percurso I" (1989-1992) para piano e electrónica e "Itinerario de luz" (1995) para ensemble e electrónica. A actuación complétase coa peza "Derrière son double" (2001) de Miguel Azguime, compositor portugués director do ensemble e amigo persoal de Enrique Macías.

Enrique X. Macías

O 18 de maio cumpríronse 50 anos do nacemento de Enrique Macías. Foi un músico que combinou unha formación autodidacta coa participación en cursos, laboratorios e gabinetes de electroacústica en Finlandia, España, Holanda, Francia, etc. Foi compositor representante dos estudos de música electrónica da Radio Finlandesa e da Academia de Música de Cracovia (Polonia), así como compositor convidado de varios centros europeos.

Obtivo numerosos premios, entre os que se atopan o Tribuna International Gaudeamus, o Cristobal Halffter de composición e o Panorama de Jóvenes Compositores da Orquestra Nacional de España. A súa obra foi gravada para as máis importantes radios europeas e programadas en destacados festivais internacionais, como a Bienal de Venecia, o Festival Antidogma de Turín, a Semana Internacional Gaudeamus de Holanda e o Festival de Música Experimental de Bourges, entre outros.

Do seu repertorio destacan obras como "Morgengesang III" (grande orquestra), "Duplo" (orquestra e electrónica), "Extracto" (cuarteto de cordas), "Nobilisima visione II / Postludios" (piano, orquestra de cámara e electrónica) e "Clamores e alegorías" (grande orquestra). Esta última peza foi un encargo do Festival de Canarias que rematou pouco antes de morrer en novembro de 1995, nun momento de madurez creativa do compositor.
Descargar todas as imaxes