Escoitar

Urbanismo acelera o Centro de Día de Navia ao modificar o uso dos terreos

A Xerencia de Urbanismo deste xoves aprobou o cambio do uso dotacional da parcela que acollerá o Centro de Día de Navia, pasando de educacional a xerontolóxico. O alcalde informou de que a modificación foi "a mellor solución" para que sexa construido "con celeridade". Ademais, o Consello autorizou a ampliación da empresa de compoñentes do automóbil Benteler, que acometerá "investimentos millonarios" na cidade.

xoves, 22 mai 2008
1211459383P5220084.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, en comparecencia ante os medios de comunicación tras a Xerencia de Urbanismo deste xoves, informou do cambio do uso dotacional da parcela que acollerá o futuro Centro de Día de Navia. O Consello aprobou a nova utilización para fins xerontolóxicos, o que, segundo avanzou o alcalde, é "a mellor solución" para que a edificación se constrúa "con celeridade".

Abel Caballero entronca esta medida coa liña do goberno local de satisfacer o "compromiso político de dar prioridade" á construción de centros de día na cidade. O alcalde adiantou que, como seguinte paso para a edificación, o Concello porá os terreos a disposición da Xunta de Galicia, organismo encargado da execución da obra.

"Investimentos millonarios" en Vigo
A Xerencia de Urbanismo aprobou asemade outorgar as licencias de primeira ocupación e de actividade á empresa de compoñentes para o automóbil Benteler, situada no Parque Tecnolóxico de Vigo, nas parroquias de Beade e Valladares.

A ampliación das súas instalacións se produce "en perfecta disposición" administrativa e "en plena legalidade", tal e como teñen que ser "obrigadamente" as aperturas de centros e industrias da cidade, salientou o alcalde.

Abel Caballero avanzou ademais que Benteler "non só está asentada en Vigo", senón que a súa previsión de investimento é "extraordinariamente importante" pois vai acometer "inversións millonarias" na cidade. O exemplo desta compañía confirma para o alcalde que "as empresas e centros comerciais se queren instalar en Vigo".

100% de solo industrial dispoñible
A resolución emitida pola Consellería de Política Territorial da Xunta de Galicia sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal o pasado venres aproba "o 100% do solo industrial e terciario" da cidade contemplado no PXOM. Así o constatou o alcalde para explicar a continuación que "todas as empresas que queiran instalarse teñen solo dispoñible" en Vigo.
1211459383P5220084.JPG
1211458641resize.php.jpg