Escoitar

O Concello creará 138 novas prazas de aparcamento para motos na cidade

Os 138 novos estacionamentos supón un incremento dun 41% con respecto á actualidade, e estarán listos "nun mes". O obxectivo é "mellorar a mobilidade da cidade", finalidade coa que a Concellería de Mobilidade e Transporte está a elaborar un "estudo de mobilidade sostible" cun investimento de 120.000 euros. Xulio Calviño avanza que estas medidas se ampliarán no futuro.

mércores, 21 mai 2008
1211373686calvino21.jpg
O concelleiro de Mobilidade e Transporte, Xulio Calviño, anunciou este mércores o incremento nun 41% das prazas de aparcamento para motos na cidade coa creación de 138 novos estacionamentos, polos 330 existentes na actualidade.

A ubicación das novas prazas responde, segundo Calviño, ao estudo realizado pola Concellería durante os últimos meses, que determinou os lugares que presentaban unha "maior necesidade" do servizo. Os estacionamentos, que contarán coa sinalización horizontal e vertical habitual, estarán listos "nun mes" e o 30% delas, "nunha semana".

As rúas que albergarán os novos estacionamentos serán Pizarro, con 15 novas prazas; Salamanca, con 16 no espazo da XER e 5 máis de nova creación; Doutor Cadaval, con 15; Progreso, con 7; Puerto Rico, con 10; José Bar Boo, con 12; Do Carmen, con 15; Cesareo González, con outras 15; Gregorio Espino, con 13; Hispanidad, con 5; e Rosalía de Castro, cun total de 10 prazas.

O espazo para 48 das novas prazas, nas rúas Salamanca, Doutor Cadaval, Progreso e Puerto Rico, procederá da zona actualmente reservada para a Xestión de Estacionamento Regulado (XER). Calviño explicou que o prego de condicións coa concesionaria contemplaba a posibilidade de utilizar parte do seu espazo para aparcamentos de motos, sen custe algún.

O edil salientou que este incremento de prazas ten lugar pola creación de novos espazos para o aparcamento, sendo unicamente dúas rúas, Salamanca e Rosalía de Castro, as que ven ampliadas as zonas xa existentes.

Nova ordenanza
A idea do goberno local é, no futuro, aumentar os aparcamentos para motos a toda a cidade para poder así "modificar a ordenanza actual", que permite o estacionamento nas beirarrúas baixo tres condicións: non existir aparcamentos habilitados para as motocicletas, estar a un máximo de 50 cm do bordillo e non impedir o paso dos peóns.

Xulio Calviño explicou asemade que pódese estacionar en semibatería, nun ángulo de 45 graos, cando as beirarrúas teñen máis de cinco metros de ancho. Coa modificación se podería prohibir o aparcamento sobre as mesmas.

Mobilidade e sostenibilidade
O edil de Transporte entroncou a ampliación das prazas co obxectivo do goberno local e da Concellería de "mellorar a mobilidade na cidade" a través de "medidas sostibles".

Á creación de novos aparcamentos, soterrados e en superficie, para vehículos, Xulio Calviño anunciou que o "estudo de mobilidade sostible", que xa está en concurso cun orzamento de 120.000 euros, sumará novas actuacións do tráfico na cidade desde a perspectiva da sostenibilidade.
Descargar todas as imaxes