Escoitar

Caballero salienta a importancia da formación cualificada para a competitividade do naval vigués

No acto de inauguración da Feira Internacional da Industria Naval, Navalia 2008, que se celebra no IFEVI do 20 ao 22 de maio, o alcalde destacou o "gran momento" polo que está a pasar o naval vigués, o seu "enorme potencial", e a importancia do emprego cualificado para "continuar a ser internacionalmente competitivos".

martes, 20 mai 2008
1211289026imagen001.jpg
A segunda edición de NAVALIA, a Feira Internacional da Industria Naval, abriu este martes as súas portas cun acto de inauguración que contou coa presenza do Presidente de Navalia, Francisco González Viñas, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco.

As autoridades puideron visitar a Feira, que conta con máis de 300 expositores e que agarda recibir a aproximadamente 15.000 profesionais do naval procedentes de todo o mundo. Precisamente a internacionalización e promoción do sector e a relevancia da formación son dous eixos básicos desta segunda edición de Navalia.

O alcalde, na súa intervención, destacou o "gran momento" da industria naval viguesa e galega e salientou a importancia desta Feira "como a nosa mellor ferramenta" para mostrar "o enorme potencial de futuro" co que conta o sector.

Abel Caballero afirmou que o naval vigués "ten garantida carga de traballo ata o próximo 2014 e está en disposición de absorber 1.500 traballadores cualificados", subliñando a continuación o emprego cualificado como "factor chave" para o "desenvolvemento e crecemento" da industria nun período de desaceleración económica.

Estes empregos son "estables e duradeiros" e permitirían, segundo o alcalde, "continuar a ser no futuro competitivos a nivel mundial", dada a "capacidade recolocadora" do sector. Así, citou a "preocupación" das administracións públicas na cualificación da formación e o exemplificou co programa municipal "Imos Traballar", que conta con "2,5 millóns de euros para formación cualificada, con especial incidencia nas novas tecnoloxías, das mulleres, os menores de 30 e os maiores de 45 anos, parados de longa duración e colectivos en risco de exclusión sociolaboral".

Descargar todas as imaxes