Escoitar

O Centro Comercial Praza Elíptica inaugura o xoves unha mostra sobre o traballo das unidades de día de drogodependencias

No marco da conmemoración do décimo aniversario da posta en marcha do Plan Local de Drogodependencias e outras Adiccións (PDLA), o Centro Comercial Praza Elíptica inaugura mañá 22 de maio, unha exposición conmemorativa que ten por obxectivo amosar o traballo desenvolvido polas unidades de día de drogodependencias, segundo explicou este mércores a concelleira de Benestar Social, María Méndez.

mércores, 21 mai 2008
"As unidades de día da rede asistencial de drogodependencias do Plan de Galicia sobre Drogas, son dispositivos asistenciais de carácter semi-residencial que na cidade de Vigo son xestionadas polo propio Concello, no caso da Unidade de Día de CEDRO, e a asociación Alborada no tocante á Unidade de Día de Alborada", salientou a concelleira do BNG. A mostra, que se poderase visitar nas instalacións do céntrico centro comercial vigués mañá en horario de 10 a 19 horas e o venres de 10 a 14 horas, proporcionará información sobre cales son os obxectivos destas unidades, a que perfil de usuario están orientadas, e en que áreas de intervención traballan.

María Méndez sinalou que estas cuestións amosaranse mediante presentacións audiovisuais, folletos explicativos a disposición da cidadanía e a mostra dalgúns dos traballos realizados nos diferentes obradoiros polas persoas usuarias das unidades de día. Contarase ademáis coa presencia de profesionais destes dispositivos asistenciais co fin de explicar e aclarar calquera dúbida que aos visitantes lles poidan xurdir. Así explicarase que estas unidades son recursos de rehabilitación para pacientes drogodependentes que ofertan un programa amplo de actividades terapéuticas, educativas e ocupacionais; permiten a permanencia do paciente no seu contorno; e promoven a participación nun tratamiento intensivo, integral, diario e prolongado no tempo.

"Este servizo vai dirixido especialmente a aquelas persoas cunha importante desestructuración do seu tempo e das relacións sociais, que presentan déficits formativo-laborais, relacionais e de autocontrol, con dificultades para manter a abstinencia continuada do consumo de drogas e, sobre todo, que estean motivadas para o cambio no estilo de vida", indicou a concelleira de Benestar Social, quen engadiu que o traballo desenvólvese en diferentes áreas: a sanitaria, a terapéutica, a relacional, a formativa e a laboral. Deste xeito, preténdese acadar o reafirmamento da abstinencia como un valor positivo que hai que manter, aumentar a capacidade de autoconciencia do paciente sobre a súa problemática personal, aprender a poñer en práctica as habilidades para resolver os conflictos no seu medio, adquirir valores e normas de convivencia, proporcionar un espacio de convivencia saudable e fortalecer a súa autoestima.