Escoitar

Vigo aporta máis da terceira parte das doazóns de órganos de Galicia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo este xoves unha reunión con representantes da Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo, ADROVI, onde acordaron celebrar o próximo 2 de xuño unha xornada de sensibilización para "agradecer" aos vigueses a súa "solidariedade" e mostralo "a Galicia e España". Vigo é a cidade de Galicia que conta con máis tarxetas de doantes.

xoves, 22 mai 2008
1211458932P5220087.JPG
O alcalde, Abel Caballero, salientou que "Vigo é unha cidade solidaria" que aporta "máis da terceira parte das doazóns de órganos de Galicia". Así o constatou tras un encontro que mantivo este xoves coa Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo, ADROVI.

Á finalización da reunión, o rexedor adiantou que a Alcaldía e ADROVI acordaron celebrar unha Campaña de Sensibilización que se celebrará no Auditorio do Concello de Vigo o próximo día 2 de xuño. Por mor da conmemoración do Día Internacional do Doante, este evento pretende servir de agradecemento aos vigueses por ocupar o primeiro posto de Galicia en tarxetas de doantes emitidas e mostrar "a Galicia e España" a solidariedade viguesa, salientou Caballero.

O alcalde informou que a xornada explicará asemade aos asistentes as formas e mecanismos nos que se realizan os transplantes. Ao evento acudirán doantes, médicos e receptores de órganos.
Descargar todas as imaxes