Escoitar

Presentada en Vigo unha campaña para o consumo de peixe entre os máis pequenos

A campaña Sonche Xan!, posta en marcha pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, foi presentada este venres en Vigo, na procura de incrementar o consumo de peixe na poboación infantil de entre catro e doce anos. Na presentación participaron a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, o alcalde, Abel Caballero, e o campión olímpico de piragüismo, David Cal.

venres, 23 mai 2008
O Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o MARCO, acolleu este venres a presentación da compaña autonómica Sonche Xan!, iniciativa da Consellería de Pesca da Xunta de Galicia, que busca fomentar o consumo de peixe entre os nenos galegos.

Os destinatarios desta segunda edición do programa son os rapaces con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, aínda que tamén pretende axudar aos país a incluír o peixe na alimentación dos fillos como parte dunha dieta saudable e normalizada.

A presentación contou coa presenza da Conselleira de Pesca, Carmen Gallego, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o campión olímpico de piragüismo, David Cal. Os asistentes puideron participar do obradoiro de dúas horas dirixido a rapaces de 6 a 8 anos, que combinou a parte didáctica coa máis lúdica.

Abel Caballero felicitou á conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos pola iniciativa ao tempo que invitou ao consumo de peixe tanto de nenos como de maiores. Tamén felicitou ao campión galego e lle desexou sorte para os próximos Xogos Olímpicos de Pekín.