Escoitar

O Servizo de Asesoramento a Emprendedores trasladarase á antiga Escola de Hostelería

O Goberno municipal decidiu hoxe luns centralizar no edificio da antiga Escola de Hostelería os recursos públicos locais para a promoción do autoemprego e a creación de novas empresas, traballo que desenvolve o Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE). O edificio tamén albergará o viveiro de empresas para as iniciativas empresariais promovidas por mulleres, dentro do proxecto "Conta con elas".

luns, 7 mai 2007
1178541806xunta070507.jpg
Na actualidade o inmoble, de titularidade municipal, non rexistra actividade nas súas plantas segunda, terceira e cuarta e baixo cuberta, e o Concello está realizando nel obras de mellora, principalmente a través do persoal do Programa BIAL. O obxectivo destes traballos é habilitar o edificio para o seu uso como espazo das estruturas municipais de apoio ao emprendemento e creación de novas empresas, ao abeiro do establecido no Plan Municipal de Emprego 2004-2007. Esta opción non se definiu ata decembro de 2006, dado que ata daquela se barallaran outros usos para o inmoble, como o de sede do Patronato do Parque Nacional "Illas Atlánticas".

O labor de promoción do autoemprego e a creación de novas empresas no marco do Plan Municipal de Emprego desenvólvese a través do Servizo de Asesoramento a Emprendedores, adscrito á Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego. Este servizo está situado actualmente na cuarta planta do Concello e nel traballan catro axentes de emprego e desenvolvemento local, unha técnica para o programa de microcréditos e unha coordinadora. O acordo da Xunta de Goberno Local de hoxe luns destina ao SAE as plantas segunda, terceira, cuarta e baixo cuberta do edificio da antiga Escola de Hostelería.

A planta cuarta tamén albergará o viveiro de novas empresas para as iniciativas empresariais promovidas por mulleres, dentro do proxecto "Conta con elas", que se denominará EME (Espazo da Muller Emprendedora) e contará con sete despachos de 13 a 16 m2. Á espera dunha posterior regulación detallada das súas condicións de acceso e uso, os proxectos empresariais do EME deberán ser promovidos por mulleres de calquera dos concellos da Mancomunidade de Vigo e terán que ser, ademais, viables técnica e economicamente e de nova creación.

Pasarela de Coia

Na súa reunión de hoxe luns, a Xunta de Goberno Local tamén decidiu adxudicar a execución dos traballos de reparación e mantemento da pasarela metálica de Coia sobre a avenida de Castelao, por un importe de 53.000 euros, a Obras y Construcciones Dios.

Ademais, o Goberno aprobou o texto do convenio entre o Concello e a Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de Lavadores para o desenvolvemento dun programa de dinamización infantil e xuvenil, concretado nunha ludoteca dirixida a cubrir as necesidades de ocio dos máis novos e á que se destinan algo máis de 30.000 euros.

Tamén foron aprobadas subvencións directas para apoiar as actividades da Fundación Casa da Caridade, por un importe de 16.000 euros, e da Asociación Freixeiro de Axuda ao Necesitado (AFAN), por 18.000 euros.
Descargar todas as imaxes