Escoitar

Cerca de 95.000 persoas visitaron o Verbum desde a súa inauguración

O Verbum-Casa das Palabras recibiu a visita de 94.808 persoas desde a súa inauguración, hai agora tres anos. Para celebrar este aniversario a dirección do museo organizou o pasado martes unha festa aberta ao público amenizada coa actuación do cuarteto Laura Fontan Soul Project e o mimo Nacho Otero.

venres, 28 abr 2006
1146223866fachadaverbum.jpg
As mellores cifras para o Verbum rexistráronse en 2003, ano da súa inauguración, cando 63.328 persoas se achegaron ás súas instalacións. A afluencia de visitantes caeu ao ano seguinte ata os 12.836. En 2005 o número de vistantes ascendeu ata situarse en 13.638.

No que vai de 2006, vistaron a Casa das Palabras 6.493 persoas. Por actividades, os vistantes dividíronse do seguinte xeito: 350 nos talleres sobre as Illas Atlánticas, 217 nas actividades de Intermón Oxfam contra as armas, 205 na presentación dos nenos cantores e 100 na lectura e intercambio de cómics. Fóra do museo, as presentacións relacionadas co Verbum rexistraron 229 asistentes, as inauguracións, 222, os congresos, 255, e as actividades musicais, 423.

Colaboración coa Universidade

O concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves, ten dito que a Casa das Palabras cometeu o erro de non contar coa Universidade na súa primeira etapa. Para remediar este problema, o Concello e a Universidade asinaron en marzo do ano pasado un convenio para a dinamización do museo.

Este plan conxunto vai dirixido aos tres sectores que achegan máis visitas ao Verbum. Así, o museo e a Universidade organizan visitas e actividades didáctivas para escolares, dentro do programa "Vigo por dentro"; cooperan con diversas asociacións veciñais e culturais para concertaren visitas de adultos, e adecúan os horarios da Casa das Palabras ao tempo de lecer das familias.

Día das Letras Galegas

Co gallo do Día das Letras Galegas, o Verbum ofrece desde onte xoves ata o venres 5 de maio a xincana literaria "Xogando coas palabras", dirixida a nenos e nenas de 9 a 12 anos. Con esta actividade, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo quere dar a coñecer a figura de Manuel Lugrís Freire, que é a persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano.

Trescentos setenta alumnos de sete colexios participarán na xincana literaria para coñeceren, mediante xogos e misterios que terán que resolver, a vida de Manuel Lugrís Freire e o contexto histórico en que viviu. Cada día vistarán esta actividade dous colexios, un ás 10:00 e o outro ás 12:00.

O museo

O Verbum foi inaugurado en abril de 2003 e conta cun deseño organizado en 29 cubos, que conteñen un total de 81 módulos (unidades informativas) nos que se desenvolven as diferentes temáticas das que trata o museo.

O edificio foi proxectado polo arquitecto galego César Portela e executado pola constructora Necso. Cun orzamento de 9.350.000 euros, foi cofinanciado ao 70% pola Unión Europea, con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Feder. O inmoble estructúrase en catro andares (semisoto, planta baixa, planta superior e cuberta) unificados por unha caixa de luz que as atravesa e as relaciona, na que se estructuran as comunicacións verticais (escaleiras e elevadores).

A superficie total construída é de máis de 5.000 m2, situados nunha parcela de máis de 13.000 fronte á praia de Samil, zona de lecer da cidade de Vigo que dispón dun amplo paseo marítimo, ademais de zonas verdes, instalacións deportivas, parques infantís, establecementos de hostelería e aparcadoiros. Á parte dos elementos expositivos, o inmoble conta con servizos adicionais como son consigna, cafetería, tenda, sala de exposicións temporais e salón de actos.
1146223866fachadaverbum.jpg
1146223903lopezchaves.jpg
1146223930jazz3.jpg
1146223952mimo3.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información