Escoitar

Un informe técnico municipal rexeita as condicións do Porto para a instalación dun colector

As condicións en que a Autoridade Portuaria podería outorgar unha concesión administrativa para a instalación dun colector con destino á conexión das canles de desaugue das rúas Colón e Pontevedra son "abusivas", segundo se desprende do informe presentado polo asesor técnico de Infraestruturas no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo hoxe xoves.

xoves, 27 abr 2006
1146143625xeren270406.jpg
Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo
O informe refírese á solicitude do Concello á Autoridade Portuaria de repoñer unha servidume de auga anulada polo túnel das Avenidas. A raíz das últimas inundacións na zona da praza de Compostela, a Xunta de Goberno Local aprobara, polo procedemento de emerxencia, un proxecto para a posta en servizo da canle de desaugue de Colón, construída pola Xunta de Galicia, e que antes da construción do túnel das Avenidas aliviaba pola rúa Concepción Arenal.

A semana pasada o Porto aconselloulle ao Concello por medio dun informe "algunhas modificacións na solicitude inicial", en vista das previsións da Autoridade Portuaria de crear, na zona en cuestión, unha área lúdica de paseo e ocio, posiblemente complementada coa ampliación do porto deportivo.

Segundo afirmou hoxe xoves o asesor técnico de Infraestruturas do Concello, Sergio González Prada, as condicións presentadas pola Autoridade Portuaria son "abusivas e faltas do máis elemental sentido de lealdade entre as administracións públicas".

Así, canto á proposta de outorgar unha concesión administrativa de 35 anos para a instalación do referido colector, o informe municipal suxire que os Servizos Xurídicos do Concello deberían informar se coa súa aceptación o Concello "non estará perdendo os seus dereitos como titular que é dunha servidume de augas".

Ademais, non se acepta, por "abusiva" a condición segundo a cal o Concello quedaría obrigado a realizar os traballos de dragado necesarios para manter o calado actual do Porto na zona de verquido. O informe municipal estima que neste punto a Autoridade Portuaria "trata de sustraerse á súa responsabilidade".

De "inaceptable e abusiva" é tachada a pretensión de que o Concello se faga cargo do traslado ou modificación do colector no caso de se aprobaren, despois de outorgada a concesión, novas obras ou plans que afecten á mencionada área portuaria. Segundo o asesor técnico de Infraestruturas, esta disposición fai que o Concello quede "á mercede de actuacións e plans unilaterais da Autoridade Portuaria".

En cambio, o asesor técnico de Infraestruturas ve "razoable" que o Concello quede obrigado a limpar periodicamente o decantador, xa xonstruído xunto co túnel. Esta limpeza efectuarase sempre que se produza unha enchenta, co obxecto de que o calado do peirao na área de verquido non se vexa afectado.
Descargar todas as imaxes