Escoitar

Discurso da alcaldesa no Día de Galicia

Con motivo da celebración oficial do Día de Galicia por parte da Corporación Municipal do Concello de Vigo no Pazo Museo Quiñones de León a alcaldesa Corina Porro pronunciará o seguinte discurso a partir das 20,20 horas desta tarde.

venres, 22 xul 2005
Os movementos cíclicos do sol, a lua e as estrelas, os mesmos cambios que se producen na historia dos pobos, nas culturas... que asemellan alonxarse longamente para, anos despois, achegarse tanto que mesmo parecera que a historia se repite. Esa sensación de "deja vu", ese paralelismo entre o que fumos e o que somos forma parte da longa historia dos pobos.

Nesta reflexión primeira parecera que os homes e mulleres repetimos os mesmos erros e máis os acertos ó longo da nosa vida e, se ben é certo que as veces acontece, os pobos maduramos nas diferencias. Por iso, cando temos a impresión de revivir a nosa propia historia ese momento é máis rico, máis maduro, máis desenvolvido.

E fálolles de paralelismos porque, honestamente, creo que Vigo está a revivir a forza e o dinamismo social dos anos vinte. No "Catálogo de Vigo" do editor José Cao, recen reeditado polo Instituto de Estudios Vigueses, releemos a unha cidade comprometida, en movemento, na que o sector público e privado dialogan para gañar xuntos o futuro. Entón, Vigo estaba a transformarse. Tomás Mirambell reflexionaba sobre aquel momento e o porvir da cidade. Valentín Paz Andrade sobre a perspectiva vital. Amador Montenegro, Manuel de Castro, Gaspar Massó e tantos outros preocupábanse pola cidade e o seu contorno, o que hoxe denominaríamos reflexión estratéxica.

Artigos de Antonio Palacios sobre o Vigo futuro. De Eduardo Cabello sobre o Porto de Vigo ou o de Marcelino Fábregas, que elocuentemente titulaba "o porvir de Vigo e a súa comarca"

O Plan Xeral de Ordenación Municipal, o Plan do Litoral, a Lei de Área Metropolitana, o impulso na diversificación da nosa economía, a recuperación de espacios para uso público e reencontro cidadán, a rehabilitación integral do Casco Vello...

¿Existe ou non un claro paralelismo?

Dende esa perspectiva os vigueses temos avanzado. Hoxe a cidade é unha idea que imos convertindo en referencia do que facemos, somos e soñamos. É algo máis que un simple obxecto que permite relacións, movementos, tempos... Porque as persoas non obedecemos a un exercicio de normas senon á condición de cidadanía. Estar na cidade implica compartir.

Vigo é a primeira cidade de Galicia en todos os sentidos. Galicia, coma o resto de Europa, crece nas cidades, crece no litoral, crece ahí onde a suma cosmopolita, aberta e plural admite todas as posibilidades.

Pero tamén é certo que as grandes cidades xeran os seus propios conflictos. Conflictos que poden ser, de seren ben xestionados, motivos para crecer, para madurar, para mellorar. Nas cidades, nas grandes cidades existe desigualdade, marxinación. Existe contaminación, ruido, tráfico. Como existe intercambio, encuentro, cultura. E é esa cultura urbana a que nos caracteriza. Sabemos de novas solucións para novos problemas. Sabemos o que queremos e somos quen de trazar o noso propio camiño.

O momento para gañar o futuro é hoxe. E Vigo amosa a estabilidade, o sentido común preciso para desfacer calquera nudo gordiano que se nos presente. Por iso ofrecemos ao próximo Goberno da Xunta de Galicia toda a nosa forza, todo o noso dinamismo. E reclamamos os investimentos, a atención e o interese que merecemos.

Os vigueses, como galegos que somos, temos amosado dabondo a nosa solidariedade co resto de Galicia. Queremos crecer xuntos, na medida en que crecer significa calidade, excelencia, vida. Non se entende Vigo sen Galicia como non se pode entender Galicia sen Vigo.

Dende a lealdade institucional, dende a máxima cooperación Vigo tende a man ao novo Goberno. Porque na Galicia universal cabemos todos.

Fixemos xuntos criterios cos que gobernar o grande cambio económico, social e cultural que experimentamos. Determinemos xuntos que é o necesario e principal e que é o continxente e accesorio. Administrar o futuro é, precisamente, planificalo, estar atentos ás necesidades e disponibilidades, alertas sobre a realidade cambiante en que vivimos.
Neste espacio de liberdade que é Galicia, viva e cambiante, Vigo ilustra a conciencia de cidade e cidadanía. Vigo amosa que é posible entenderse, dialogar, cooperar. Temos elexido xuntos ese camiño e non imos abandonalo.