Escoitar

O Servizo de Normalización Lingüística organiza unhas xornadas de microtoponimia

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Vigo continúa apoiando a través de diversas actividades a candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués a obra mestra da humanidade, distinción que concede a UNESCO.

venres, 20 mai 2005
O noso Concello forma parte do conxunto de institucións que apoian esta candidatura, impulsada pola Asociación Sociocultural "Ponte nas Ondas" coa finalidade de dar valor e vitalidade á oralidade e ás tradicións compartidas por Galicia e Portugal.

O SNL quere ofertar un programa de conferencias, seminarios e xornadas desde o presente mes de maio ata novembro para defender a proclamación do noso patrimonio inmaterial como obra mestra da humanidade. A fin de ter a máis salientable representación das persoas, grupos e asociacións que traballan con este obxectivo, o SNL contactará con institucións, asociacións e faculdades de universidades.

Así, os próximos 24 e 26 de maio terán lugar na Casa Galega da Cultura as xornadas "Microtoponimia. Patrimonio inmaterial". O martes 24, a partir das 20:15, Augusto Pérez Alberti, da Universidade de Santiago de Compostela, impartirá a conferencia "Toponimia e territorio", despois da cal Gonzalo Navaza, da Universidade de Vigo, falará sobre "Toponimia galega".

O xoves 26, tamén a partir das 20:15, Gonzalo Navaza retomará a palabra para tratar do "Proxecto microtoponimia". Logo desta conferencia será a vez de Xan Comesaña, da Comisión de toponimia da Federación Veciñal Eduardo Chao, quen falará sobre "Propostas para recuperar a microtoponimia".

Estas xornadas encádranse no proxecto "Toponimia de Vigo". Nestes momentos, nos locais da asociacións veciñais do rural vigués está a documentación correspondente a cada parroquia, que inclúe ortofoto, relación de topónimos e fichas para engadir nomes de lugar ou corrixilos. O Concello solicita a colaboración dos cidadáns para recuperar os microtopónimos que, cos cambios de asentamento, están a piques de desaparecer ou caeron xa no olvido.

Por outra banda, a lonxa do Concello acollerá do 23 de maio ao 9 de xuño a exposición "Menciñas de outrora". Esta mostra, froito do labor da Asociación Veciñal e Cultural "San Xoán" de Fornelos de Ribeira (Salvaterra de Miño), tentará recuperar e amosar o coñecemento das plantas que a xente tiña ao seu alcance e que utilizaba para superar os contratempos que se lle presentaban na vida cotiá. Quérese manter viva, deste xeito, a herdanza dos nosos devanceiros.