Escoitar

Participación Cidadá inicia un servizo de intérpretes da linguaxe de signos

O Concello asinou un convenio coa Asociación de Xordos poñendo a súa disposición un intérprete da linguaxe de signos para que os discapacitados auditivos poidan participar en calquera actividade formativa ou de lecer organizada pola concellería de Participación Cidadá ou calquera das asociacións de veciños e culturais da cidade.

xoves, 19 mai 2005
1116508162xordo.jpg
A concelleira de Benestar Social e Participación Cidadá, Marta Iglesias, asinou hoxe xoves un convenio de colaboración entre a Asociación de persoas Xordas e o Concello, co ánimo mellorar as barreiras de comunicación que imposibilitan ou dificultan en grande medida aos discapacitados auditivos a participación nas actividades sociocomunitarias.

O importe total do convenio é de 5.600€ e permitirá contar cun interprete da lingua de signos nas actividades organizadas pola concellería de Participación Cidadá nos seus centros cívicos de Coruxo, Casco Vello e Teis, non só en conferencias, seminarios, etc, senón nos cursos de formación que así o precisen. Do mesmo xeito este servizo de profesionais poderá ser solicitado por tódalas asociacións de Vigo e contar con eles nas actividades que realicen permitindo con elo a participación dos discapacitados auditivos nas súas actividades de formación ou de lecer.

Segundo Marta Iglesias, "esta iniciativa pioneira na Comunidade Galega pon de novo a Vigo na vangarda da realización de actuacións encamiñadas a integración e a participación na vida sociocomunitaria do colectivo de persoas xordas mellorando a súa calidade de vida". A concelleira informou tamén que se fará unha serie de envíos por e-mail a todas as asociacións de veciños e culturais para que coñezan este novo servizo e poidan usalo se o precisan.

Pola súa parte a representante da Asociación de persoas Xordas de Vigo, Carmen González, confesou sentirse orgullosa deste convenio que permite aos xordos participar de moitas actividades e recoñeceu a sensibilidade do Concello ao abrir un "camiño real de integración". "A linguaxe de signos é unha mais, a que permite comunicarse aos xordos, e estamos loitando para que se recoñeza deste xeito", engadiu.

O modo de solicitar o traballo dun interprete da lingua de signos é directamente a Asociación de persoas Xordas de Vigo, no teléfono 986.28.13.70 ou no fax 986.12.73.22 e no horario de 09:00 a 14:04 e de 16:30 a 19:30.
Descargar todas as imaxes