Escoitar

O Arquivo Pacheco conta con 2.848 fotografías para a identificación do público

Con motivo do Día Internacional dos Museos, o Arquivo Pacheco celebrará unha xornada de portas abertas na que se poderán visitar lugares aos que habitualmente non se pode acceder. Outros museos, como a Fundación Laxeiro e o Museo Quiñones de León terán tamén actividades especiais nesta xornada.

mércores, 18 mai 2005
1116420848boda.jpg
O concelleiro de Cultura, Ignacio López Chaves, deu unha rolda de prensa co gallo do Día Internacional do Museo, para comentar a situación do Arquivo Pacheco, as súas novidades, e a xornada de portas abertas que quere celebrar o arquivo para dar a coñecer a súa colección e o seu traballo.

O concelleiro explicou que se introduciron dous novos grupos de fotografías: de vodas e de comuñóns. En total 435 fotos novas, 156 de vodas e 279 de comuñóns. Respecto ás visitas, Ignacio López Chaves dixo que se contabilizaron 2.937 visitantes dende febreiro, que identificaron 207 fotografías diferentes, aínda que, explicou o concelleiro, algúns deles identificaron as mesmas fotografías, polo que houbo un maior número de identificadores que de fotos identificadas.

O concelleiro comentou que o Arquivo Pacheco está aberto á cidade e que preténdese prolongar esta situación para que nunca máis volva a pecharse. Na actualidade hai 2.848 retratos en exposición para que o público poida identificar. Ademais desta labor, "ardua e lenta", tamén quedan un bo número de fotografías por dixitalizar das preto de 140.000 que posúe o arquivo. "Sabemos por outros museos que este é un traballo laborioso e lento, polo que non nos damos prazos, tan só seguir traballando", dixo.

Fundación Laxeiro

Pola súa parte a Fundación Laxeiro únese ás celebracións do Día Internacional dos Museos propoñendo unha ponte entre a vangarda histórica (mediante as visitas guiadas á Colección Permanente Laxeiro) e a arte máis actual (coa proxección da obra videográfica de Antón Cabaleiro, gañador das bolsas Fundación Laxeiro-Afinsa á creación artística). Ambas actividades terán lugar hoxe día 18 e desenvolveranse en tres quendas de 18, 19 e 20 horas a primeira, e a partires das 18,30 horas a segunda. A primeira actividade, as visitas, estarán guiadas por Iria Piñeiro, especialista en divulgación artística, e o profesor de Belas Artes Ignacio Pérez-Jofre. As proxeccións estarán comentadas polo director da Fundación Laxeiro, Javier Pérez Buján.

Museo Quiñones de León

Tamén hoxe mércores, o Museo Municipal "Quiñones de León" abrirá as súas portas a alumnos de 5º e 6º de primaria para que acudan a unha charla titulada "O museo, unha ponte entre culturas". No mesmo lugar haberá un obradoiro rítmico-cultural, con música, baile e xogos doutras culturas e outro creativo-plástico. Estas actividades terán lugar de 10:00 a 11:30 e de 11:30 a 13:00, e repetiranse os días 19 e 20 de maio.

A idea deste lema é a de fomentar o coñecemento das diferentes culturas como punto de encontro que favoreza a paz dentro dun contexto de tensión, conflicto, globalización e cambios multiculturais. O museo municipal bota a vista á súa área de influencia e atopa que, ao igual que noutras cidades do pais, somos cada vez mais multiétnicos, habendo novos vigueses procedentes de Latinoamérica, Asia ou África.


Outras actividades

Pola súa parte o Museo do Mar acollerá un obradoiro escolar para grupos confirmados, baseado nas coleccións e o contorno do museo. O obradoiro desenvolverase, ademais, o xoves 19, sempre de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00. Ademais, celebraranse xornadas de portas abertas no Verbum-Casa das Palabras (de 10:00 a 19:00) e no Museo Liste (de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00). Neste último terá lugar tamén, ás 18:30, a charla-coloquio "O medio e a materia". Como complemento, o Museo Liste desenvolverá a actividade "Aquí te-la peza", pola que se trasladarán determinadas pezas do museo ás aulas.
1116420848boda.jpg
1116420907comunion.jpg
1116421287leon.jpg
Descargar todas as imaxes