Escoitar

Vigo sómase ao Día Internacional do Museo cunha programación especial

A programación coa que se celebra o Día Internacional do Museo inclúe xornadas de portas abertas en varios centros, así como obradoiros, charlas-coloquios e outras actividades.

luns, 16 mai 2005
Dentro das celebracións con motivo do Día Internacional do Museo, o martes 17 de maio, no MARCO terá lugar unha xornada de portas abertas, das 11:00 ás 21:00. A xornada inclúe diversas actividades para aqueles que visiten este museo.

Así, baixo o título de "Aquófono, o son da auga", presentarase por primeira vez en Vigo unha instalación interactiva que crea, a partir do son de pingas de auga, unha serie de fantasías musicais únicas e irrepetibles. Esta actividade desenvolverase no salón de actos do MARCO de 11:00 a 15:00 e de 17:00 a 21:00.

Co mesmo horario, pero na zona peonil en torno ao museo e sempre que o tempo o permita, o público de todas as idades poderá divertirse cun xogo colectivo de creación plástica no que os participantes, a partir de fichas xigantes, irán construíndo o seu propio dominó de formas e cores relacionados con elementos de distintas culturas.

Das 11:00 ás 21:00, no vestíbulo de entrada ao museo, unha mesa informativa da Agrupación de Amigos do MARCO atenderá as preguntas dos visitantes sobre as actividades e obxectivos da Agrupación, que conta xa con máis de 300 amigos. Ademais, durante todo o día as persoas que acudan ao MARCO terán á súa disposición un álbum para deixaren as súas impresións sobre a visita ao museo.

Tamén se celebrarán xornadas de portas abertas o martes 17 de maio no Museo do Mar de Galicia (de 11:00 a 20:00), no Verbum-Casa das Palabras (de 10:00 a 19:00) e no Museo Liste (de 11:00 a 14:00). Neste último, ademais, desenvolveranse os concursos "Atopa na morea", de identificación de pezas para traballar durante a visita, e "Cataloga", consistente na exposición e estudo de pezas que non se expoñen habitualmente.

Mércores 18 de maio

O mércores, o Museo Municipal "Quiñones de León" abrirá as súas portas a alumnos de 5º e 6º de primaria para que acudan a unha charla titulada "O museo municipial, punto de encontro entre culturas". No mesmo lugar haberá un obradoiro rítmico-cultural, con música, baile e xogos doutras culturas e outro creativo-plástico. Estas actividades terán lugar de 10:00 a 11:30 e de 11:30 a 13:00, e repetiranse os días 19 e 20 de maio.

Tamén o mércores 18, o Museo do Mar acollerá un obradoiro escolar para grupos confirmados, baseado nas coleccións e o contorno do museo. O obradoiro desenvolverase, ademais, o xoves 19, sempre de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00.

Pola súa banda, o Arquivo Fotográfico Pacheco celebrará unha xornada de portas abertas, na que se poderán visitar ás que habitualmente non se pode acceder. Será de 9:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:30. Así mesmo, haberá visitas guiadas e comentadas á Fundación Laxeiro, de 18:00 a 21:00. No mesmo lugar, a partir das 18:30, proxectarase a obra videográfica de Antón Cabaleiro.

Ademais, celebraranse xornadas de portas abertas no Verbum-Casa das Palabras (de 10:00 a 19:00) e no Museo Liste (de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00). Neste último terá lugar tamén, ás 18:30, a charla-coloquio "O medio e a materia". Como complemento, o Museo Liste desenvolverá a actividade "Aquí te-la peza", pola que se trasladarán determinadas pezas do museo ás aulas.