Escoitar

Polos mares de Galicia, terceiro ciclo de conferencias do programa "Ámbitos de Galicia"

O ciclo de conferencias "Polos mares de Galicia" achegará ao público os aspectos xeolóxicos e biolóxicos do mar, con especial atención á importancia deste en Galicia e na súa economía. A asistencia ao ciclo servirá para obter un crédito de libre elección.

venres, 13 mai 2005
1115990469mar.jpg
O concelleiro de Educación e Cultura, Ignacio López Chaves, presentou hoxe venres, na Casa Galega da Cultura, o ciclo de conferencias "Polos mares de Galicia", a terceira iniciativa desenvolvida dentro do programa Ámbitos de Galicia e que consolida as súas sedes como escenario de debate e reflexión sobre a realidade de Galicia.

O obxectivo do programa de 2005 é presentar unha visión máis ampla e ao mesmo tempo completa, dun dos elementos primordiais da historia, do presente e do futuro de Galicia: o mar. "Polos mares de Galicia", vai permitir ao público asistente coñecer os aspectos xeolóxicos e biolóxicos do mar, fonte e orixe da vida; as características que fan do mar galego tan singular e importante dende o punto de vista ecolóxico; as xestas dos mariñeiros galegos ao longo da historia; a épica do deporte no mar e o futuro marítimo de Galicia.

Ámbitos de Galicia é un programa que promove e organiza a Concellaría de Asuntos Sociais do Concello de Vigo, e que conta coa colaboración e patrocinio da Fundación Caixa Galicia a través dun convenio subscrito entre as dúas entidades para a realización de actividades culturais.

O director territorial de Caixa Galicia, José Manuel Fernández, destacou a importancia do sector pesqueiro en Galicia e especialmente en Vigo, cidade que depende en gran medida do seu desenvolvemento, e comentou tamén que a asistencia ás conferencias suporá a adquisición dun crédito de libre elección. Pola súa parte o secretario da Facultade de Ciencias do Mar, Gonzalo Méndez, resaltou a importancia deste tipo de eventos fóra das aulas para completar a formación dos alumnos.

Ámbitos de Galicia mantén a mesma filosofía dende o seu inicio, conciliando diferentes disciplinas do coñecemento nun debate no que entren en consideración o maior número posible de correntes de pensamento, pero ao mesmo tempo é un programa dinámico, que axusta a súa estructura de acordo coa natureza da temática de cada ciclo e aproveita as sinerxias que puideran existir con outras institucións. Así, Polos Mares de Galicia, amplía a seis os actos: cinco conferencias e unha mesa redonda, contando con figuras sobranceiras en cada un dos aspectos que configuran o ciclo.
Descargar todas as imaxes