Escoitar

O Festival Internacional de Jazz de Vigo aspira a converterse nun referente a nivel europeo

O primeiro Festival Internacional de Vigo "Imaxina Sons", que se desenvolverá do 16 de xuño ao 2 de xullo, nace coa vocación de consolidarse ata converterse nun referente a nivel europeo. O evento, que traerá á nosa cidade a algunhas das figuras máis destacadas do jazz do vello continente, conta cun orzamento de 300.000 euros.

xoves, 12 mai 2005
1115900553jas.jpg
A alcaldesa, Corina Porro, e o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, asinaron hoxe mércores un convenio de colaboración para o patrocinio do primeiro Festival Internacional de Jazz de Vigo "Imaxina Sons", que contará así cun orzamento de 300.000 euros. O Festival comezará o 16 de xuño e acabará o 2 de xullo.

Tanto Corina Porro como Julio Fernández Gayoso coindiron en que este evento se consolidará ata converterse nun referente do jazz a nivel internacional. Segundo a alcaldesa, "Imaxina Sons" constituirá "o inicio dun novo Vigo, dunha cidade de cultura e de vangarda". Pola súa banda, Julio Fernández Gayoso cualificou de "enormemente atractiva" a proposta da Cocellaría de Cultura e louvou o seu "enfoque aberto".

Este enfoque concrétase nunha programación variada, que inclúe 31 concertos en distintos puntos da cidade. Así, haberá actuacións en teatros e auditorios, como o Centro Cultural Caixanova, o Auditorio Municipal e o Conservatorio, xunto con concertos nocturnos en locais. Ademais, o jazz será levado ás rúas, con actuacións ao aire libre na praza da Estrela e pasarrúas polas principais zonas peatonais. Esta programación musical complétase con exposicións, mesas redondas, debates, conferencias e outras actividades centradas no jazz.

"Imaxina Sons" ten por obxectivo mostrar cada ano o estado actual do jazz, facendo fincapé nas propostas de calidade renovadoras e orixinais, a nivel galego, español e europeo. Deste xeito, o Festival traerá a Vigo a algunhas das figuras máis destacadas do jazz europeo, variedade xeradora da maior evolución na historia contemporánea do jazz. Con todo, "Imaxina Sons" contará tamén coa presenza puntual de músicos latinos ou americanos. Ademais, os músicos galegos recibirán un apoio especial a través da súa presenza na programación, co cal se quere contribuír á difusión da súa arte no exterior.

O primeiro Festival Internacional de Jazz de Vigo vén ocupar un espazo baleiro no panorama jazzístico galego e español: o relacionado coa perspectiva máis europea deste estilo. Para alén disto, "Imaxina Sons" será o grande evento musical do primeiro semestre do ano na nosa cidade, completando a oferta musical viguesa, que xa conta co Are More, o Xeración 2000+ e festivais como o Internacional de Piano e o de música sacra.
Descargar todas as imaxes

Máis información