Escoitar

Máis de 3.000 escolares de Vigo participaron no Correlingua 2005

Máis de 3.000 escolares dos centros de ensino de Vigo participaron na 8º etapa da presente edición do Correlingua, baixo o lema "Galego: un bico na lingua". A alcaldesa, Corina Porro, animou os cativos antes da saída da carreira para "que dos vosos labios xurdan palabras que falen de nós".

mércores, 11 mai 2005
1115817565corre1.jpg
Corina Porro leu o seu discurso na praza do Rei, diante da "casa de todos os vigueses e viguesas, e que, polo tanto", dixo a alcaldesa, "asume a defensa e a promoción da nosa lingua". Corina Porro, citando a Álvaro Cunqueiro, finalizou pedindo "mil primaveras máis para a nosa lingua".

Despois os escolares partiron en dirección ao parque de Castrelos, onde puideron gozar de actividades específicas a partir das 11 da mañá. Así, para os participantes, que xa levaban camisetas do Correlingua, houbo tamén bebida, froita e diversos agasallos. O acto festivo no parque estivo dirixido polo Caruncho e o grupo de rap "Deus que te criou".Tamén actuou un grupo de alumnos que se chaman "Travelers".

Correlingua é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país. É unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a mocidade e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.

Esta actividades está deseñada e organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística , os Equipos de Normalización dos centros escolares así como os concellos de Santiago, Pontevedra, Lugo, Vigo e Narón . Na nosa comarca tamén colaboran os concellos de Moaña, Mos e O Porriño. Este evento ten carácter nacional e como tal vén desenvolvéndose dende hai cinco anos.

O proxecto Correlingua 2005 partiu da cidade da Lugo o día 2 de Maio e continuou polo Salnés, Narón, A Coruña, Burela, Pontevedra e O Baixo-Miño, antes de chegar a Vigo. Proximamente pasará por Santiago, para finalizar o día 13 en Ourense. Personaxes coñecidos como os humoristas "Mofa e Befa" acompañarán o alumnado nesta actividade.
1115817565corre1.jpg
1115817584corre2.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información