Escoitar

Amigos da Ópera inicia unha campaña de actividades divulgativas

O obxectivo desta agrupación refundada a finais do ano pasado é o de realizar unha serie de conferencias divulgativas de iniciación á ópera en diversos barrios e parroquias da cidade. A primeira será esta noite a partir das 20 horas no Centro Cívico de Teis,á que asiste a concelleira de Participación Cidadá, Marta Iglesias.

martes, 10 mai 2005
1115730532opera.jpeg
A recentemente refundada sociedade Amigos de la Ópera de Vigo vai levar a cabo unha serie de actividades divulgativas de iniciación á ópera que comezan hoxe martes ás 20 horas no Centro Cívico de Teis cunha conferencia acompañada da proxección de diversos fragmentos de ópera que ilustren as explicacións dos conferenciantes. A idea é realizar esta mesma conferencia divulgativa en diferentes barrios e parroquias da cidade.

A sociedade Amigos da Ópera foi fundada en 1958 pero dende 1988 atopábase inactiva ao suspender as súas axudas a Dirección Xeral de Promoción Cultural. O pasado mes de decembro un grupo de antigos socios decidiron recuperar a sociedade realizando unha campaña de captación de novos afiliados e alcanzando para a súa sorpresa a cantidade de 500, unha cifra que superaba as expectativas máis optimistas. Deste modo a sociedade vai comezar esta campaña de divulgación en diversos puntos da cidade que irá acompañada de algún concerto e, se fora posible, a celebración dunha ópera antes de final de ano.

A conferencia prevista pola sociedade Amigos de la Ópera de Vigo fará un percorrido polas orixes da ópera dende a súa creación na Toscana italiana, os primeiros teatros dedicados á celebración de óperas e unha relación dos compositores máis significativos. Dende Händel e Bach, ata Von Glück, Mozart, Bellini e Donizetti, pasando por Verdi Puccini, Bizet ou o gaditano Manuel de Falla, e sen esquecer aos alemáns Richard Wagner e Richard Strauss. Estes repasos aos compositores máis representativos da música dende o século XVII ata os nosos días estará apoiado por fragmentos das óperas destes xenios representadas nos escenarios máis destacados da nosa época, dende o Liceo de Barcelona ata o Metropolitan ou o Covent Garden.
Descargar todas as imaxes