Escoitar

Concello e Fundación de Gitanos asinarán un convenio para a integración social do colectivo

A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao proxecto de convenio que suporá un investimento de 163.213 euros en dous anos. A Xunta aprobou tamén o inicio das actuacións do programa Bial previstas para o mes de maio.

luns, 9 mai 2005
1115643379chem.jpg
A Xunta de Goberno Local celebrada hoxe luns aprobou, no área de Benestar Social, o convenio de colaboración coa Fundación Secretariado General Gitano para a execución de proxectos de intervención social integral para a atención e prevención da marxinación do pobo xitano e cigano, favorecendo a súa inserción social. O Concello contribuirá con 65.200 euros no ano 2005 e 98.013 euros no 2006, ano en que termina a vixencia do convenio. Este investimento servirá para a obtención e desenvolvemento de diversos proxectos de integración e atención social que van dende a atención psicosocial das familias ata a escolarización e seguimento dos menores, ademais da apertura dun pequeño taller de integración onde os nenos poidan realizar tarefas extraescolares e diversas actividades de cara a unha mellor integración do colectivo.

No ámbito de cultura a Xunta de Goberno fixou o prezo de venda ao público de dous libros: "Arquitectura racionalista en Vigo", de José Varela Alén e "Ámbitos de Galicia". A Xunta resolveu poñer á venta 300 libros dos 1.000 editados do primeiro exemplar, "Arquitectura Racionalista en Vigo" a un prezo de 20 euros, IVA engadido, reservando 500 para a entidade colaboradora, Fundación Caixa Galicia, e 200 para necesidades protocolarias e de intercambio con outras publicacións. No caso do segundo exemplar poñeranse á venda 200 dos 750 libros editados a un prezo de venda de 12 euros e reservando 300 para a Fundación Caixa Galicia e 250 para necesidades protocolarias.

Continuando co desenvolvemento normal do programa Bial, a Xunta aprobou o inicio das seguintes obras: reparación dos vados de vehículos dos números 1 e 3 da rúa Manuel de Castro; modificación da isleta de acceso ao estacionamento da estación de ferrocarril; reconstrucción e acondicionamento da baranda da praza da Estación; modificación de beirarrúas, construcción de rampa e reposición de pavimento en zona axardinada na rúa Cangas; reparación da escalinata que une a vía Norte e a praza da Estación; construcción de gabias e rebaixes de beirarrúas nos accesos dos estacionamentos da praia de Samil, acondicionamento dun parque infantil nas inmediacións da praia de Fontoura, pavimentado de diversas rúas en Candeán, Cabral, Teis e Lavadores; e cambio do tendido eléctrico do alumeado público na parroquia de Teis.

A Xunta ampliou tamén o contrato do servizo de limpeza de colexios e escolas públicas adxudicado a Limpezas do Noroeste, SA (Linorsa), debido a ampliación do obxecto do contrato por aumento de novas superficies a limpar na escola infantil Carme Giráldez, ascendendo a ampliación a 73.239,80 euros ao ano e quedando o prezo anual do contrato a 1.932.282 euros/ano.
Descargar todas as imaxes