Escoitar

O Concello participa no Día Internacional do Museo con actividades do 17 ao 21 de maio

O concelleiro de Cultura, Ignacio López Chaves, presentou a programación e o material de difusión dos museos públicos de Vigo con motivo do Día Internacional dos Museos, que se celebra arredor do 18 de maio baixo o lema "O museo, unha ponte entre culturas".

venres, 13 mai 2005
1115989101museum1503.jpeg
O obxectivo desta iniciativa, presentada hoxe venres, é coordinar as actividades dos museos e coleccións públicas da nosa cidade: o Museo Municipal "Quiñones de León", o MARCO, o Museo do Mar de Galicia, o Arquivo Fotográfico Pacheco, a Fundación Laxeiro, o VERBUM, o Museo Liste, a Colección de Arte Francisco Fernández del Riego e a Casa das Artes.

A programación do Día Internacional dos Museos quere ser unha oportunidade para que os museos e os profesionais que neles traballan se acheguen ao público e lle dean a coñecer os cambios que os museos experimentaron e experimentan como institucións ao servizo da sociedade. Así, do martes 17 ao sábado 21 (ver anexo) os museos e coleccións públicas da cidade vivirán xornadas de portas abertas e acollerán actividades informativas e culturais, concursos, charlas, obradoiros e visitas guiadas.

Con motivo desta xornada internacional, o Concello levará a cabo unha campaña de difusión xeral dos museos e coleccións artísticas vencellados ao Concello. Esta campaña está integrada por un folleto dirixido a vigueses e visitantes que informa das características destes centros.

A partir do 17 de maio distribuiranse 15.000 destes folletos na súa versión en galego, e aínda neste mes estarán dispoñibles outros 15.000 da súa edición en castelán. Tamén se editaron 3.000 carteis e 7.000 marcapáxinas. Todos estes materiais serán distribuídos principalmente a través dos propios museos, das oficinas de información turística, hoteis e centros de ensino.

Con respecto a esta campaña, Ignacio López-Chaves dixo que "é importante que a oferta museística relacionada co Concello se divulgue de forma conxunta", xa que "coordinar os museos da cidade é unha mostra de que Vigo é capaz de aglutinar esforzos".

Pola súa banda, a directora do MARCO, Carlota Álvarez, asegurou, en nome dos representantes dos museos e coleccións artísticas, que a celebración do Día Internacional do Museo supón "un pequeño esforzo que pode traer grandes beneficios aos cidadáns".

O Día Internacional do Museo celébrase desde 1977, a raíz dunha resolución da Comisión Internacional de Museos, institución ao abeiro da ONU. O lema deste ano, "Unha ponte entre culturas", refírese aos museos como espazos de coñecemento mutuo e integración cultural.
Descargar todas as imaxes

Máis información