Escoitar

A Batalla das Flores volverá encher de pétalos e confeti o centro da cidade

O próximo sábado 21 de maio, grazas ao apoio da Concellaría de Festas e de diversas entidades de Vigo, volverase celebrar a Batalla das Flores. Cunha achega municipal duns 75.000 euros, o festexo encherá de pétalos, confeti, serpentinas e música o centro da cidade.

mércores, 18 mai 2005
1116421124flores.jpg
Coa temática do mar como protagonista esencial da identidade da nosa cidade, o Concello de Vigo decidiu recuperar a antiga tradición do desfile da Batalla das Flores. A cabalgata partirá o próximo sábado 21 ás 19:00, marcando o comezo dos múltiples actos que se celebrarán este acto baixo o estandarte de Vigo 2005.

A Batalla das Flores festexarase ao longo dun percorrido que comezará na avenida de García Barbón, á altura da rúa Serafín Avendaño, e finalizará en Policarpo Sanz, na mesma Porta do Sol. Cunha mestura de tradición e modernidade, a Batalla das Flores actualizarase coas tendencias e tecnoloxías do novo milenio.

Así, utilizaranse modernos canóns de confeti, que se situarán en todos os cruzamentos do percorrido. Segundo explicou durante a presentación da Batalla o concelleiro de Festas, Ignacio López-Chaves, estes canóns lanzan grandes cantidades de confeti ata unha altura de 15 metros, co que se logrará obter "unha chuvia de confeti".

A cabalgata contará con nove carrozas cheas de pétalos e colorido, máis outra carroza a cargo do Concello. Ademais, repartiranse 40.000 bolsas de serpentinas para o público. A festa será amenizada por varios grupos de animación, zancudos e música ambiental a través de megafonía. Para remarcar a data da celebración, soltaranse 2.005 globos vermellos, brancos e azuis no cruzamento de Colón con Policarpo Sanz.

Ignacio López-Chaves dixo que a intención do Concello "é que estas festa se consolide dentro do calendario da cidade". Para iso, nesta primeira edición da súa nova etapa, a Batalla das Flores contará cunha achega duns 75.000 euros por parte do Concello. Ademais, na celebración colaboran diversas empresas da cidade, así como a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais e a Federación de Peñas Deportivas "El Olivo".
Descargar todas as imaxes