Escoitar

"Mans creativas" expón unha mostra das actividades realizadas no programa "Eu tamén sei"

A exposición recompila os traballos resultantes do programa de cursos e obradoiros que a concellería de Muller realiza a través das diferentes asociacións ou vocalías de Muller da cidade. A mostra estará composta por unha exposición no Círculo Mercantil e varios obradoiros ao aire libre.

xoves, 19 mai 2005
1116508496creativas.jpg
A concellería de muller presentou hoxe a exposición "Mans creativas", unha iniciativa consistente en dúas actividades que recompilan o traballo de todo un ano dentro do seu programa "Eu tamén sei", que se ven efectuando dende o pasado mes de outubro. A exposición está dividida en dous grandes bloques:

Por unha banda a exposición propiamente dita, realizada cos traballos que as mulleres realizaron nas distintas asociacións dentro do programa Eu tamén sei. A Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao encárgase da montaxe e organización desta exposición que terá lugar os días 2, 3, 4 e 5 de xuño no Círculo Mercantil e incluirá mostras dos traballos e fotografías dos diversos cursos e obradoiros. Preto de 1.600 mulleres de máis de 52 asociacións participaron nestes cursos que, segundo a concelleira de Muller, Lucía Molares, marcharon en tres direccións: "Uns tiveron que ver coa saúde e hábitos de vida, como o de Tai-chi ou o de memoria. Outros tiveron relación con actividades creativas, como o de coiro ou encaixe de palillos. E outros, os máis novidosos, foron orientados cara a consecución da igualdade entre sexos, como os de fontanería e electricidade, tarefas que tradicionalmente sempre desempeñaron os homes", explicou a concelleira.

Por outra banda, a exposición contará con obradoiros ao aire libre, que serán mostras en vivo dos traballos realizados en cada un deles. Os espacios de montaxe son dous, a praza da Princesa e a praza da Constitución. No primeiro desenvolveranse obradoiros máis creativos e artesanais, tales como o de coiro ou cestería. Na praza da Constitución terán lugar outros máis dinámicos como o tai-chi ou o aeróbic. Os obradoiros ao aire libre terán lugar o venres 3 e o sábado 4 a partir das 5 da tarde.
Descargar todas as imaxes