Escoitar

A Consellería de Cultura investirá un millón de euros para mellorar os servizos turísticos de Vigo

A Consellería de Cultura investirá un millón de euros en Vigo para sufragar obras de mellora de infraestructuras e servizos turísticos. Entre as actuacións previstas figuran a posta en marcha de novas oficinas de información turística, a recuperación da rúa das Ostras e a sinalización orientativa da cidade.

xoves, 19 mai 2005
1116508318convenio1905.jpeg
A alcaldesa, Corina Porro, e o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Jesús Pérez Varela, asinaron hoxe xoves un convenio de colaboración polo que o departamento autonómico investirá un millón de euros en obras de mellora de infraestructuras e servizos turísticos da cidade.

O documento asinado polo titular de Cultura e a alcaldesa establece a división do millón de euros en tres partidas, que se consignarán do seguinte xeito: 300.000 euros no presente ano 2005; 350.000 euros en 2006; e os 350.000 euros restantes en 2007. Estas cifras supoñen, segundo explicou Pérez Varela, a continuación dun "compromiso" coas iniciativas de "fomento e promoción de Vigo como destino turístico".

Corina Porro dixo que con iniciativas como esta "estase facendo unha proxección de Vigo no exterior como nunca antes se fixera". A alcaldesa afirmou que é necesario apostar pola terciarización da economía viguesa, orientándoa a actividades relacionadas co turismo, o lecer e a cultura, xa que "a zona das Rías Baixas ten potencialidades turísticas que poden desenvolverse aínda máis".

Entre as actuacións que se financiarán con cargo ao investimento previsto neste convenio figura a adquisición de dous quioscos para destinalos a oficinas de turismo e que serán instalados en lugares caracterizados pola importante afluencia de turistas. No convenio sinálase tamén a vontade de rehabilitar o edificio do Paseo de Alfonso para aproveitalo como unha oficina turística máis. Este edificio utilizouse no seu día como quiosco de prensa e está catalogado como Ben de Interese Cultural.

Ademais, contémplase a recuperación da rúa das Ostras e do seu contorno, mediante a colocación dunha marquesiña, novo pavimento, saneamento e vexetación decorativa. Así mesmo, procederase á sinalización orientativa e interpretativa da cidade para o turismo. Por último, daráselle un novo pulo ao programa "Ilumina Vigo", que pon en valor o patrimonio da cidade mediante a súa iluminación selectiva.

Coa partida correspondente do acordo subscrito hoxe, os investimentos da Consellería de Cultura en Vigo para o ano 2005 ascenden a máis de 1.865.000 euros. Entre as actuacións derivadas deste investimento inclúense a restauración da Concatedral, a achega ao MARCO, a incorporación ao proxecto Cidades Dixitais, así como a organización de diversas actividades culturais e a subvención de varias iniciativas do campo turístico.

Desde o ano 1999 e ata o pasado Ano Santo Xacobeo 2004, o departamento de Cultura da Xunta de Galicia sufragou actuacións na cidade por valor de 3.550.000 euros, en materia de patrimonio, promoción cultural e turística e de dotación de infraestructuras de telecomunicacións.
Descargar todas as imaxes