Escoitar

16 carrozas encherán de confeti o centro da cidade coa reaparición da Batalla das Flores

O sábado 21 as rúas do centro da cidade volveranse encher de pétalos e confeti coa Batalla das flores. Cunha achega municipal duns 75.000 euros, o festexo animará as rúas coas súas 16 carrozas cheas de cores. Un dispositivo especial encargarase da posterior limpeza.

venres, 20 mai 2005
Coa temática do mar como protagonista esencial da identidade da nosa cidade, o Concello de Vigo decidiu recuperar a antiga tradición do desfile da Batalla das Flores. A cabalgata partirá mañá sábado ás 19:00, marcando o comezo dos múltiples actos que se celebrarán este ano baixo o estandarte de Vigo 2005.

A Batalla das Flores festexarase ao longo dun percorrido que comezará na avenida de García Barbón, á altura da rúa Serafín Avendaño, e finalizará en Policarpo Sanz, na mesma Porta do Sol. Cunha mestura de tradición e modernidade, a Batalla das Flores actualizarase coas tendencias e tecnoloxías do novo milenio.

Así, utilizaranse modernos canóns de confeti, que se situarán en todos os cruzamentos do percorrido. Segundo explicou durante a presentación da Batalla o concelleiro de Festas, Ignacio López-Chaves, estes canóns lanzan grandes cantidades de confeti ata unha altura de 15 metros, co que se logrará obter "unha chuvia de confeti".

A cabalgata contará con nove carrozas cheas de pétalos e colorido, máis outra carroza a cargo do Concello. Ademais, repartiranse 40.000 bolsas de serpentinas para o público. A festa será amenizada por varios grupos de animación, zancudos e música ambiental a través de megafonía. Para remarcar a data da celebración, soltaranse 2.005 globos vermellos, brancos e azuis no cruzamento de Colón con Policarpo Sanz.

O Concello ten previsto un dispositivo especial de limpeza para o remate da festa composto por 20 operarios, 4 baldeadoras e 2 varredoras. En canto a xente se teña dispersado actuará este dispositivo para deixar as rúas en perfecto estado, primeiro varrendo, logo baldeando e, finalmente, co traballo dos operarios que acabarán por recoller os restos que puideran quedar. A noite anterior, o equipo de limpeza retirará os contedores das rúas por onde pasen as carrozas e volverán colocalos ao remate do traballo.

A orde das carrozas durante o desfile será a seguinte:


1º GRUPO DE TEATRO "LA FIESTA ESCENICA"

2º CARROZA ALCALDÍA-CONCELLO DE VIGO

3º CARROZA CAIXANOVA

4º GRUPO ANIMACIÓN DE ZANCUDOS (6)

5º CARROZA EL CORTE INGLES

6º CARROZA COCA COLA

7º GRUPO ANIMACIÓN DE ZANCUDOS (6)

8º CARROZA DE ALCAMPO

9º CARROZA CAIXAGALICIA

10º GRUPO ANIMACION DE ZANCUDOS (6)

11º CARROZA DE GADISA

12º CARROZA DA FUNDACIÓN CELTA

13º GRUPO ANIMACIÓN DE ZANCUDOS (6)

14 º CARROZA DE CONMASARTE

15º CARROZA DE CESPA

16ª GRUPO DE ZANCUDOS (6)

Pecha o desfile a Cruz Vermella.