A demolición da grada de Gol comezará en abril
O alcalde informou este luns do desenvolvemento da tramitación para a reforma da bancada do Estadio Municipal de Balaídos, unha obra que será compatible co uso das pistas de atletismo.
Abel Caballero deu conta da sinatura do contrato de coordinación de seguridade e saúde da obra de reforma da bancada de Gol que permitirá “terminar o estadio de Balaídos” e que, segundo a previsión municipal, poderá iniciarse mañá martes, 28 de xaneiro. A principios de abril arrincará a demolición da vella grada.
Tal e como explicou o rexedor, a obra de Gol será compatible co uso das pistas de atletismo de Balaídos, que estarán operativas durante todo o proceso, malia que eventualmente poderá haber valados provisional, ocupando unha parte do recinto sen afectar ao tartán. Un dos cambios que supoñerá a obra é a modificación do acceso ás pistas, que se situará ao carón do colexio, afastada da zona da obra.
En canto ao tráfico, a rúa Olímpicos está pechada nestes momentos pola execución de traballos relacionados co abastecemento, estando permitido o paso peonil ata finais de febreiro.
Para facilitar o acceso a Stellantis, o goberno municipal habilitará un terceiro carril na Avenida de Citröen, despois do paso de peóns de xeito que se permita o xiro para entrar na factoría.